'Esperando a Godot', con Pepe Viyuela, na Tempada de Teatro de Afundación
Continúa a Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA, nas cidades de Vigo e Pontevedra coa produción teatral Esperando a Godot, de Samuel Beckett, interpretada por Pepe Viyuela, Alberto Jiménez, Juan Díaz, Fernando Albizu e Jesús Lavi baixo a dirección de Antonio Simón. Sairán a escena mañá venres 7 de febreiro, ás 20.30 h, no Teatro Afundación de Vigo, e o domingo 9 de febreiro, ás 19.30 h, no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra.
As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen un abono de tempada, que supón un aforro do 20% con respecto ao importe das entradas soltas.
A OBRA ESPERANDO A GODOT
Esperando a Godot é hoxe en día máis que unha obra de teatro, é un clásico do século XX que xa é parte do acervo cultural colectivo. A forza, o humor, a poesía, a tenrura, a dor, a risa que transmite esta obra, metáfora da vulnerabilidade e a coraxe do ser humano, seguen vixentes. O público merece ver representada esta marabilla, unha obra que Beckett definiu como «horriblemente cómica».
Dous amigos, case irmáns, unha estraña parella que mentres están a esperar, falan, discuten, xogan, desafíanse, reconcílianse, ámanse, repélense. Chega outra estraña parella, aínda máis estraña, e o xogo diversifícase. Godot non chega, pero chega o seu emisario.
Dioivos de humanidade en personaxes desamparados, errantes, desconectados, que nos lembran que o ser humano, aínda en situacións moi difíciles, é capaz de se levantar, ou polo menos, como fai Estragón ao final da obra, de volverse poñer os pantalóns que, a falta de cinto, se amarra cunha humilde corda.
Un espectáculo fundamentado na humanidade e comicidade dos seus sensacionais actores, na palabra e no espazo, na poesía e no humor.