
Entrevista a Medos Romero, gañadora do XIX Premio de Poesía Afundación e do Premio de la Crítica Literaria
Bo día, Medos. É un pracer felicitarche polo galardón que acabas de recibir do Premio de la Crítica Literaria polo teu poemario E o sol era Ela, un libro recoñecido tamén co XIX Premio de Poesía Afundación.
Moitas grazas. O certo é que nos dous casos foi unha sorpresa ser a premiada, e sendo certames tan diferentes. O Premio de Afundación é unha distinción moi desexada e de moito prestixio no eido da poesía, e eu presenteime, pero non contaba con resultar seleccionada. Estamos falando dun premio que recoñeceu grandes nomes da poesía, como Miguel Anxo Fernán-Vello, Xavier Seoane, Arcadio López Casanova, Yolanda Castaño... Pola súa banda, o Premio da Crítica resultou algo completamente inesperado, máis inesperado aínda, porque a el unha non presenta as súas creacións, senón que é o propio xurado quen as busca e peneira. E unha parte importante da sorpresa de recibir estes galardóns vén dada pola miña limitada presenza nos encontros culturais, para os que non teño tanta dispoñibilidade para poder acudir a eles, porque eu son enfermeira, é o meu traballo. Polo tanto, por todos este motivos, é unha satisfacción inmensa recibir estes dous galardóns e é moi gratificante a consideración que ambos implican.
Neste sentido, podemos entender os certames tamén como amplificadores das creacións culturais?
Si. E son moi necesarios tanto para a xente xa recoñecida como para quen están empezando. Significa sacar á luz o teu traballo. Por exemplo, o certame de Afundación é un dos máis prestixiosos do país. Implica unha visibilización, a publicación e difusión da obra e tamén unha contía económica moi importante. E eu deime por premiada co feito de ver o meu libro publicado na colección «Arte de trobar», nunha edición en cartoné, con sobrecuberta e ilustracións pertencentes á Colección de Arte de Afundación tan coidada e exquisita. O certo é que estou moi agradecida, é un dos premios máis sólidos e prestixiosos. E premios así impulsan a literatura, e necesitamos todos os estímulos posibles para conseguir máis público lector.
Precisamente a literatura galega na actualidade parece estar experimentando un período creativo moi relevante.
Si, estamos nun momento de creación moi forte cuxa evolución cómpre seguir con atención, porque a literatura é vida, é experiencia vital, e a madurez é imprescindible na literatura. Eu, por exemplo, empecei a escribir con 37 anos, cando o vivido xa alicerzara o pouso necesario para que agromase a literatura. Non se trata, para min, de adquisición de técnicas de escrita, senón de acumulación de diferentes experiencias que enriquecen o interior de quen escribe.
Comentabas antes a túa profesión como enfermeira. Como convive coa túa dedicación á poesía?
Eu, como poeta, teño unha ollada cara a dentro. Non fago, neste sentido, un traballo diario de poesía, non preparo un libro con intencionalidade, senón que, en min, é un proceso interior que madura aos poucos. Trátase dunha idea latente, un pouso que vai medrando e que, un día, por algún motivo concreto que o impulsa, agroma. Este foi o proceso coa composición de «O pozo da ferida», por exemplo. O horror da violencia de xénero levaba en min xa un tempo e, un día, lin no xornal a noticia de que unha nena fora maltratada, violada e abandonada no lixo. E ese foi o detonante.
A poesía é, para min, un feito interior. Dicía José Luis Sampedro que «escribir es vivir», e iso é precisamente o que acontece no meu caso, eu tamén contemplo a escritura como un acto que debe contar cun sustento vital importante.
Medos, moitas grazas por nos dedicares este tempo e polas túas achegas arredor da importancia dos certames literarios.
Moitas grazas a vós por todo. Quero expresar a miña consideración por Afundación, polo ben tratada que me sentín desde o momento da concesión do premio, o acto de entrega e ata hoxe. Quérovos agradecer a exquisita organización da presentación do libro, porque foi para min un momento entrañable.