
Oriana Méndez, gañadora do XVIII Premio de Poesía Afundación, recibe o seu galardón en Vigo
Oriana Méndez, galardoada co XVIII Premio de Poesía Afundación, recibiu o seu recoñecemento nun acto que tivo lugar esta tarde ás 19.00 h na Sede Afundación de Vigo. Na entrega acompañárona a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, quen abriu o acto e subliñou a relevancia de seguir promovendo este premio para a lingua e cultura galegas que permite mostrar traballos como o desenvolvido por Oriana Méndez «de creación, de esencias e de descubrimentos, e de afastamento absoluto de constricións, un claro expoñente da necesidade de contar coa poesía como mecanismo de expresión cultural. Por iso mesmo, este xénero é recoñecido por Afundación como unha base para a consolidación da renovación estética e como un paradigma de vangarda, liberdade e compromiso». Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a importancia que supón para a Xunta participar en proxectos que, como este, afianzan a consolidación do talento galego e dos espazos creativos e felicitou á premiada pola súa traxectoria creadora «que a sitúa no panorama lírico contemporáneo como unha voz consolidada da lírica galega». Finalmente Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia, destacou «a voz feminina que mantén na obra un ritmo sostido a través de versos depurados e conmovedores, cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu».
O premio, convocado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Centro PEN de Galicia, foille outorgado á escritora viguesa polo seu poemario INTERNA. Oriana Méndez recolleu o seu premio e agradeceu ás tres institucións convocantes «por daren, reunidas, a oportunidade deste recoñecemento e por favoreceren, a través del, a creación literaria na nosa lingua, é dicir, por fomentaren o miolo, o momento xerminal de toda produción artística, o momento e o proceso intransferibel, inevitábel, e no caso da literatura, tamén solitario, do acto de escritura. Cando a época vira as tornas cara á tribulación e a incerteza, é máis que nunca necesario o apoio das institucións ó acto esencial da creación». Sobre a súa obra premia, Oriana explicou que «INTERNA pretende ser un acto de metamorfose ou de transición cara a un territorio de ruína, o territorio da perda que tamén é o dominio do descoñecido. E nese tránsito cara as sombras que eu fixen no proceso de escrita, da man sobre todo dos autores que cito na apertura do libro, Ingeborg Bachmann, Luis Pimentel e Carlos Oroza, nese tránsito hai un salto ou ruptura coa realidade, un internamento nun tempo e nun espazo distintos. Aínda que non completamente distintos: úneos o tempo da realidade e o tempo da poesía, úneos o fío da linguaxe. Só nela, con ela, a través dela, concibimos e creamos a realidade, concibimos e creamos tamén, a poesía. A linguaxe somos nós, e en nós está a potencia e a capacidade e a potencia de creación de mundos novos, na vida real e na vida poética, que son esferas distintas e que son tamén a mesma».
Despois da entrega, recitou unha selección de poemas da obra gañadora precedido pola proxección dun audiovisual do artista plástico vigués Ramón Trigo, escollido pola autora para ilustrar o libro premiado, inspirado na creación poética de Oriana Méndez.
A PREMIADA E O PREMIO
Oriana Méndez (Vigo, 1984) é licenciada en Filoloxía Galega e máster en Estudos Culturais pola USC. Publicou os libros de poesía Derradeiras conversas co capitán Kraft (2007), Cero (2011) e O que precede a caída é branco (XVII Premio de poesía do Concello de Carral, 2015). En 2019 gañou o V Premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón con O corazón pronúnciase extenso, que se publicará proximamente en Espiral Maior. Foi parte, entre outras, das antoloxías Anthology of Galician Literature (1981-2011); Novas de poesía. 17 poetas, antoloxía bilingüe galego-castelán ou tamén 13. Antoloxía da poesía galega próxima, escolma tamén bilingüe galego-castelán editada por Chan da Pólvora e Papeles Mínimos.
Viu publicados algúns dos seus poemas en revistas de ámbito galego, coma Dorna. Expresión poética galega; de ámbito hispano, coma Nayagua, revista do Centro de poesía José Hierro e de ámbito anglosaxón, Waxwing Literary Journal, con tradución ao inglés de Neil Anderson. Participa en recitais e encontros literarios coma o Festival dos Eidos, promovido pola Fundación Uxío Novoneyra; o XIV Festival Cosmopoética, do concello de Córdoba; o Festival de Poesía no Condado; ou o festival do concello de Santiago de Compostela Festival Alguén que respira!
O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros, comezou o seu percorrido no ano 2002. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo ou Miguel Sande, gañador da anterior convocatoria.
O premio conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. O Premio de Poesía Afundación, tras quince anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúa traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de cimento para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.