Voluntarias do Espazo +60 Afundación entregan á Asociación FRANGIL a recadación da súa tenda solidaria
Voluntarias do taller solidario do Espazo +60 Afundación de Pontevedra entregaron esta mañá á Asociación FRANGIL contra a leucemia un cheque por importe de 600 euros correspondente á recadación da súa «Tenda solidaria». Na entrega estiveron presentes, ademais dalgunhas das voluntarias, a coordinadora do Espazo +60 Afundación de Pontevedra, Berna Lindín, e o presidente da Asociación FRANGIL. David Gil trasladou o seu agradecemento a cada unha das voluntarias deste programa de Afundación: «Reunímonos no Café Moderno Afundación de Pontevedra para celebrar que as sinerxias son posibles, que a vosa dedicación permitiu que hoxe a Asociación FRANGIL teña 600 posibilidades máis para seguir gritando pola curación da leucemia. Grazas de corazón no meu nome e no de todas as persoas que esperan pacientes por unha medula ósea compatible».
Imaxes da entrega, dispoñibles AQUÍ.
Os produtos da tenda solidaria son pezas únicas confeccionadas por 22 persoas voluntarias participantes neste obradoiro, que se desenvolve ao longo do ano na sede do Espazo +60 de Pontevedra, no Café Moderno Afundación. Está dirixido pola socia voluntaria María Ángeles Pérez García, quen foi profesora de español, tradutora, intérprete de congresos ou directora dunha empresa comercial internacional. Como artista e deseñadora de moda especializada en pezas de lá, podemos destacar dous fitos na súa carreira: en 1986 presentou as súas obras en Spoleto, durante o Festival do Due Mondi, e obtivo unha gran repercusión mediática, e en 1988 concedéronlle a medalla de ouro en Turín pola súa obra La tía Pilar endomingada y con pendientes.
O obradoiro solidario, promovido polo Espazo +60 de Afundación de Pontevedra, desenvólvese no marco do programa «O valor da experiencia» da Área de Maiores da Obra social de ABANCA, que ten como obxectivo potenciar o papel activo dos maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades interxeracionais e de voluntariado. A actividade ten tamén como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación á vez que fomenta a solidariedade e a cooperación entre as persoas participantes.
A Asociación FRANGIL
A Asociación FRANGIL contra a leucemia, á que se destinaron os fondos recadados no mercado solidario, ten como obxectivo informar e concienciar sobre a importancia da doazón de medula ósea e sangue de cordón umbilical. Foi creada no ano 2017 e leva o nome e a positividade de Francisco Gil, que loitou durante 4 anos contra unha leucemia linfoblástica aguda. Aínda que non atopou un doante compatible, durante os seus últimos meses tentou, xunto ao seu irmán David Gil, fomentar e dar a coñecer este tipo de doazón en vida. Un labor altruísta que a asociación continúa hoxe a través de distintas accións de concienciación e visibilidade, entre as que figura a «Marcha Solidaria 700 camisetas contra a leucemia» que convida a «camiñar pola vida» entre as cidades de Vigo e Pontevedra cada primeiro domingo de xuño.