
O voluntariado de Afundación e ABANCA suma en 2023 case 18000 horas solidarias
Afundación quere recoñecer, no marco da conmemoración do Día Internacional dos Voluntarios, que promove anualmente Nacións Unidas, o labor desenvolvido polas máis de 1600 persoas que participaron nos 11 primeiros meses de 2023 no proxecto de voluntariado social, ambiental e educativo que promove a Obra Social de ABANCA desde as súas distintas áreas de actuación. Case 18000 horas de solidariedade compartidas polo voluntariado corporativo de Afundación e ABANCA, polas persoas socias dos Espazos + 60 Afundación, estudantes dos centros de formación profesional de Afundación A Coruña e Colexio Hogar Afundación, da Universidade Intercontinental da Empresa e de centros educativos de toda Galicia así como por preto de 30 entidades e asociacións, principalmente do sector pesqueiro, que colaboran durante todo o ano no programa «Actúa» da Obra Social de ABANCA.
Coincidindo con esta efeméride, Afundación convocou dentro do seu programa PLANCTON unha xornada ambiental coa participación de escolares, un dos colectivos comprometidos con este proxecto. Nesta ocasión, o alumnado do CEIP As Bizocas traballou retirando residuos nas praias de Area dá Cruz e Raeiros, no Grove. Os escolares atoparon nasas, anacos de cabos, redes e sedelas enmarañados, pequenos anacos de escumas sintéticas, caixas de peixe e tarugos plásticos empregados para o cultivo dos mexillóns nas bateas. Tamén outros obxectos de orixe continental que aparecen frecuentemente nos areais como botes, botellas, tapóns, cabichas, bastonciños de limpar os oídos, envoltorios, e plásticos de diferentes tamaños, pinzas, chisqueiros, palés de madeira, vasos de iogur e ata unha radiosonda. Así, ata completar a media tonelada que recolleu a pesada coa que finalizou a actividade de hoxe.
VOLUNTARIADO + 60
O programa «O valor da experiencia» ten como obxectivo ofrecer novas oportunidades de participación para aproveitar o talento e a experiencia persoal e profesional das persoas maiores ao servizo da sociedade en diferentes ámbitos. Así, as persoas socias dos Espazos+60 de Afundación poden participar nas actividades de voluntariado interxeracional, cultural e educativo, voluntariado social e comunitario e voluntariado ambiental.
Neste 2023 colaboraron nas distintas iniciativas que se promoven desde a área de Maiores de Afundación 383 persoas, compartindo coa sociedade máis de 12000 horas solidarias. As propostas van desde o voluntariado cultural e educativo, no que as persoas socias comparten a súa experiencia e coñecementos; os talleres e mercados solidarios ou as actividades ambientais ata o voluntariado interxeracional a través dos programas «Fálame da emigración» e «Falemos da Escola», nos que participaron 59 persoas maiores voluntarias nas aulas de 15 centros educativos de Galicia.
Co obxectivo de tecer relacións entre distintas xeracións 66 persoas de distintas idades participaron en 2023 no programa «Pedalear e conversar» acompañando a máis de 500 persoas con mobilidade reducida, usuarias das 15 residencias e centros de día que participan actualmente neste proxecto.
VOLUNTARIADO SOCIAL E EDUCATIVO
O «Programa de educación financeira» de ABANCA, desenvolvido e impulsado por Afundación, susténtase na determinante participación do voluntariado corporativo de ABANCA e Afundación nas súas propostas presenciais e dixitais. O enfoque integral para a vida diaria das persoas incide nunha formación financeira na que os valores éticos e o compromiso social teñan un protagonismo crave. Deste xeito, un dos distintivos deste programa reside na adaptación das súas propostas ás diferentes etapas vitais, atendendo de maneira moi especial ao público escolar ―desde idades moi temperás― e ao sénior. Case 200 000 escolares formáronse no marco desta proposta e o voluntariado corporativo de Afundación e ABANCA percorreu máis de 11000 quilómetros para impartir a formación a persoas maiores no ámbito rural de Galicia e Castela e León.
No marco do fomento de propostas de innovación social, e en colaboración coa Federación Española de Bancos de alimentos, Afundación desenvolve o programa «Cultura por alimentos» que convida as persoas participantes nos seus eventos para doar produtos non perecedoiros a modo de entrada solidaria. Como resultado deste programa social e de voluntariado recolléronse ata o de agora máis de 17 toneladas de produtos non perecedoiros.
VOLUNTARIADO AMBIENTAL
A concienciación sobre o coidado do medioambiente, a promoción de hábitos sostibles e a posta en marcha de accións directas neste sentido constitúen o diferencial da programación da Obra Social de ABANCA neste eixo. O programa PLANCTO, distinguido este ano co primeiro premio nacional da Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA), permitiu retirar en 2023 dos areais e dos fondos mariños das costas galegas máis de 23 toneladas de residuos.
Ademais das actuacións nas áreas costeiras, Afundación conta cunha actividade específica enfocada cara á riqueza botánica. «Traballando pola mellora do patrimonio natural» céntrase en estudar onde a reforestación ou a erradicación de especies florais invasoras son máis necesarias, con 850 árbores autóctonas plantados e a erradicación de 3 toneladas e media de especies florais invasoras.
As imaxes da xornada de hoxe están dispoñibles aquí.
Imaxes do voluntariado de Afundación, dispoñibles aquí.