O Teatro Afundación propón para o Día das Letras «1888. Señorita Xulia», unha versión rompedora do texto clásico de Strindberg
«Dúas almas perdidas que crean unha situación límite». Así definen Iria Ares e Xoan Carlos Mejuto aos personaxes que interpretan na obra teatral 1888. Señorita Xulia. Ares e Mexuto dirixen ademais o espectáculo, unha versión rompedora do texto orixinal escrito polo dramaturgo sueco August Strindberg no ano 1888.
A obra conta o acontecido despois de que a protagonista feminina, Xulia, decida participar nunha festa dos servos do seu pai, seduza a un deles, Xoán, e apareza morta, quizais porque se suicidou. Mejuto interpreta ao criado e Iria Ares é a señorita Xulia. O espectáculo chega ao Teatro Afundación este 17 de maio, Día das Letras, ás 20.30 horas. As entradas están ao dispor do público en Ataquilla.com.
Asegura Mejuto que nesta súa versión do texto orixinal, trata de «levar ao espectador a sentirse como un detective que reabre un caso antigo». En 1888. Señorita Xulia, a trama comeza a contarse polo final: cando aparece a morte da protagonista, a Señorita Xulia. No espectáculo, vaise contando entón qué pasou nas horas anteriores ao deceso. Suicidouse?, matouna o seu amante e criado? Ares e Mejuto queren que sexa o público quen saque as súas propias conclusións sobre o acontecido na historia de amor, luxuria e conflictos de clase creada por Strindberg.
Outra perspectiva
1888. Señorita Xulia emprega, sobre as táboas, recursos propios da linguaxe cinematográfica. Asegura a súa co-directora, Iria Ares, tamén realizadora de cine, que así o propuxo cando decidiu que a historia da Señorita Xulia debera ser contada doutra maneira. Tratábase, en palabras de Ares, de «dar un golpe na mesa». A proposta foi moi ben recibida por crítica e público dende a súa estrea, en castelán, en Madrid.
O espectáculo é o sexto dos 8 de carácter escénico programado en maio polo Teatro Afundación. Chega ao escenario un día despois da comedia e a improvisación de Jamming Sessions (16 de maio). Os humoristas David Puerto, con Pizpireto (25 de maio) e máis Dani Rovira, con Vale la pena, que dende o 31 inicia unha estadía de tres días no Teatro Afundación, completan a programación do mes. A penas quedan entradas para estas actuacións.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.