
O Teatro Afundación programa no mes de abril teatro, concertos de clásica e música de orquestras
O Teatro Afundación inicia e pecha con música a súa programación do mes de abril. O primeiro venres do mes, o día, o público poderá desfrutar de Me cuesta tanto olvidarte, o musical que volve sobre as cancións do grupo madrileño de pop Mecano. O último día do mes, o 30 de abril, a Royal Film Concert Orchestra interpretará algunhas das bandas sonoras de cinema máis coñecidas. Entre ambas as citas, polo escenario do teatro pasarán 6 monólogos e obras de teatro en clave de humor e dous concertos da Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Clásica de Vigo. As entradas, moi poucas xa para algúns dos eventos, están dispoñibles en Ataquilla.com.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Me cuesta tanto olvidarte propón un repaso polos temas máis coñecidos de Mecano. Maquillaje, Mujer contra mujer ou Un año más son algunhas das cancións que soarán durante o concerto homenaxe. Con Belén Alarcón no papel da vocalista de Mecano, Ana Torroja, e unha excepcional banda de músicos, o concerto é unha viaxe a moitos dos temas que forman parte da memoria musical de varias xeracións de españois. As entradas están practicamente esgotadas.
Roberto Vilar, Pedro Ruiz, Perdomo e Touriñán
No cartel da programación para a primeira quincena do mes do Teatro Afundación sobrancean tamén os nomes dalgúns dos monologuistas e cómicos máis valorados polo público de Vigo.
Primeiro pasará polo escenario o televisivo presentador e showman galego Roberto Vilar. Será o sábado 6 de abril. Vilar presenta en Vigo Celebration, o espectáculo no que repasa os seus primeiros 30 anos de carreira ante as cámaras e nos escenarios.
A partir das súas experiencias, pero das acumuladas durante case toda unha vida, tamén constrúe un hilarante monólogo o actor Pedro Ruiz. O popular humorista subirá ao escenario do Teatro Afundación o venres 12 de abril. O título da súa nova proposta para o público é Mi vida es una anécdota.
Un día despois, o sábado 13, será o tempo de Roberto Vilar e de Perdomo. Moi coñecidos tanto polo seu traballo en televisión coma nas súas facetas de monologuistas e actores, os dous intérpretes volven nesta súa nova proposta sobre a época do confinamento.
Naqueles meses do ano 2020, ambos quixeron manter a actividade co seu público organizando espectáculos en vivo transmitidos a través das redes sociais. En Corentena, o espectáculo co que agora chegan a Vigo, recuperan algúns dos personaxes e dos números que crearon daquela para interactuar cun público que tampouco podía saír das súas casas.
Orquestras
A música clásica, e músicas de orquestas, volve ao Teatro Afundación na segunda quincena de abril.
O día 17, a Real Filharmonía de Galicia (RFG) propón un concerto diferente dentro da tempada de música clásica da Obra Social de ABANCA en Vigo. Comparecerá, a RFG, acompañada do solista chinés Wu Wei, intérprete de sheng, un instrumento de vento milenario. Wu Wei colabora habitualmente con algunhas das mellores orquestras do mundo. Levará a batuta o director titular da formación santiaguesa, Baldur Brönnimann. Interpretarán temas da compositora e artista plástica vasca Itziar Viloria (1975), do chinés Huang Ruo (1976) e do Igor Stravinsky (1882).
Tres días despois, o 20 de abril, volverá a subir ao escenario do Teatro Afundación a Orquesta Clásica de Vigo, desta volta para interpretar a Misa de Coroación de Mozart acompañados polo Orfeón A Nosa Terra de Santiago.
Ambos os concertos forman parte do programa «Cultura por alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O público poderá depositar alimentos non perecedoiros en contedores habilitados na entrada. Será repartidos entre familias en risco de exclusión de Vigo e a súa área de influencia.
Xa o día 30, chega a música de cine. A Royal Film Concert Orchestra fará un repaso musical por algunhas das bandas sonoras de cinema máis lembradas: Cinema Paradiso. A lista de Schindler, E.T,... a relación de películas que lembrará o público ao experimentar de novo a forza dos temas das súas bandas sonoras contén algúns dos títulos de filmes que fixeron historia nas últimas décadas.
Teatro para rematar o mes
A programación da segunda quincena de abril do Teatro Afundación ten, tamén, moito humor.
O día 19 chega Orgasmos, la comedia. O espectáculo aborda, en ton humorístico, asuntos coma as diferenzas entre mulleres e homes, ou a convivencia en parella. O día 25, e co actor galego Christian Escuredo á fronte, subirá ao escenario do Teatro Afundación o elenco de El novio de España. A trama da obra cóntanos un sucedido real: o cantante Luis Mariano ofrécelle á actriz Carmen Sevilla acordaren un matrimonio de convinza. Luis Mariano é homosexual, pero a voda pode ser de gran axuda mesmo para os seus pais. Carmen Sevilla non aceptará, pero si apoiará ao cantante nas súas arelas. A obra leva cinco anos en cartel.
Aquí…Supercentráu é o título do último espectáculo escénico do mes. Será un monólogo a cargo do humorista asturiano Joaquín Pajarón.