O Teatro Afundación presenta en Vigo a obra Códice K, que aborda o roubo doCódice Calixtino en clave de comedia
O Teatro Afundación de Vigo acollerá o próximo 9 de setembro ás 20.00 h a representación de Códice K, da compañía Ainé, unha visión en clave de comedia do coñecido roubo do Códice Calixtino perpetrado en xullo de 2011. A obra, cuxas entradas están á venda en Ataquilla.com, narra os feitos desde unha perspectiva feminina, a das mulleres que rodearon a historia real.
Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón son as actrices protagonistas baixo a dirección de Tito Asorey, co asesoramento artístico de Noemí Rodríguez e texto de Manuel Cortés. Na escena está presente tamén a DJ e produtora Russ quen, convertida en anxo, se encarga da ambientación da obra e da música, un elemento fundamental na montaxe.
En Códice K non aparecen nin Manuel Fernández Castiñeiras, o electricista da catedral que perpetrou o roubo, nin o xuíz instrutor, nin a curia. A protagonista da obra é a inspectora que levou o caso, personaxe desde o que se vertebra toda a comedia. Manuel Cortés expón no texto unha obra en clave de thriller, próxima ao puxante xénero televisivo coñecido como true crime, que se inspira en feitos reais para presentalos dun modo máis ou menos afastado deles segundo cada proposta.
As imaxes están dispoñibles na seguinte ligazón.