O Teatro Afundación presenta o 4 de outubro a Abbey Road, a bandatributo a The Beatles
Cando quedan tres semanas para que o grupo Abbey Road suba ao escenario do Teatro Afundación para presentar o seu «Beatles tribute show», comezan a escasear as entradas, dispoñibles en Ataquila.com. Abbey Road chega ao teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo o 4 de outubro. É considerado por unha parte da prensa especializada o mellor grupo tributo á mítica banda de Liverpool.
O conxunto é recoñecido pola calidade das súas voces e por acadaren unha sonoridade, tamén vocal, moi próxima á orixinal de The Beatles. Tamén polo coidado dos seus vestiarios, réplicas dos empregados en diferentes épocas da historia da banda liderada por John Lennon e Paul McCartney e que os compoñentes da banda tributo cambian durante o espectáculo segundo avanza o concerto. Os instrumentos que empregan tamén son os mesmos.
Temas clásicos
Os concertos de Abbey Road son unha fascinante viaxe ao pasado e rememoran a música dunha banda que revolucionou os fundamentos da música moderna. No seu repertorio están os grandes éxitos de The Beatles. Ademais, integran nos seus directos pezas que a banda orixinal nunca chegou a tocar ante o seu público.
As persoas que asistan ao concerto poderán escoitar cancións coma Love Me Do, I Want To Hold Your Hand, Yesterday, Penny Lane, Hey Jude ou Let It Be.
O concerto está entre os programados polo Teatro Afundación en Vigo no último trimestre do ano. Un día despois, o domingo 5 de outubro, será a quenda de Tamara, que chega a Vigo para presentar a xira coa que conmemora 25 anos de carreira artística. Xa o venres 10 de outubro, será Miguel Ríos quen presente no Teatro Afundación a súa xira El último vals nun concerto para o que case non quedan xa entradas.
.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.