O Teatro Afundación ofrece en decembro unha programación que inclúe música, ballet ucraíno, teatro, humor e maxia
Decembro comezará no Teatro Afundación coa proposta folk de Xisco Feijoó e rematará con Esfínter 3, o espectáculo de humor que porá sobre as táboas aos humoristas e monologuistas David Amor, Rober Bodegas e Javier Veiga dispostos a despedir 2023 co público de Vigo o día 30 do último mes do ano. Ambos espectáculos forman parte dunha programación que suma 13 espectáculos en 16 datas. Unha boa parte das propostas, como El Cascanueces a cargo do Ballet de Kiev ou o concerto da Orquestra Clásica de Vigo, forman parte da oferta máis navideña. As entradas xa están á venda en Ataquilla.com.
O concerto de Xisco Feijoó deste venres supón un repaso ao repertorio folk desde unha perspectiva actual. Na súa xira Peixe, coa que agora chega a Vigo, Feijoó sube ás táboas acompañado doutros 8 intérpretes. A música continúa mañá sábado en gran formato: chega o musical de El fantasma de la ópera, que dende fai vinte anos se mantén na carteleira, e de xira, polos principais escenarios de España.
O domingo é tempo dun espectáculo de humor para todos os públicos: Meixeverso, a cargo do showman e humorista galego Pablo Meixe. O público asistirá a unha trama na que un mozo emprega todos os recursos posibles para salvar o multiverso á vez que convida ao público a unha viaxe chea de humor na que falará das súas vivencias.
Teatro na ponte do 6 de decembro
O teatro é a proposta para as veladas dos días 6 e 8 de decembro. Lola Herrera chega ao escenario do Teatro Afundación ao frente do elenco de Adictos. A obra propón un thriller distópico que supón unha reflexión sobre algúns dos grandes temas da vida contemporánea, como a dependencia da tecnoloxía ou o egoísmo.
Xa o venres festivo, o día 8, serán o intérprete vigués Manuel Manquiña, acompañado da actriz Sabela Hermida, quen compareza ante o público vigués coa obra teatral Todo nunha noite. Haberá comedia, pero tamén unha invitación a pensar sobre asuntos de interese. O espectáculo presenta sesenta minutos de risas, emocións e reflexións sobre a sociedade e as súas contradicións.
Programación de Nadal: de Ucraína a Galicia
O Teatro Afundación inicia a parte máis navideña da súa programación de decembro cun show clásico das últimas semanas do ano: El Cascanueces a cargo do elenco ucraíno do Ballet de Kiev. A compañía interpretou máis de 500 veces, en países de todo o mundo, a inmortal obra de Tchaikovsky.
Despois, entre o 15 e o 23 de setembro, a música de Galicia e Vigo tomará a programación do Teatro Afundación.
Primeiro será a quenda da Coral Casablanca. Os días 15 e 16 de decembro ofrecen o seu 66o Concerto de Nadal nun ano moi especial no que participaron na gravación do himno Centenario do Real Club Celta de Vigo.
Un día despois, será a quenda da homenaxe a un dos grandes impulsores da música tradicional en Vigo das últimas décadas, Emilio Sotelino, o inesquecible director das Lembranzas Galegas. A Banda de Gaitas Xarabal e os grupos Noitarega e Ardentía estarán acompañados no escenario por ata 3 xeracións de bailaríns e bailarinas que traballaron con Sotelino.
A Orquestra Sinfónica de Galicia despide a súa tempada deste ano en Vigo o 21 de decembro cunha selección de polkas e valses de zarzuela e opereta. Chega baixo a dirección de Cristóbal Soler e con Lorena Valero como solista- mezzosoprano Lorena Valero.
Carlos Núñez e «Celtic Sea»
Carlos Núñez estreará no Teatro Afundación, os días 22 e 23 de decembro, o seu novo traballo, Celtic Sea. O concerto será toda unha festa na que participarán artistas dos principais países celtas. Esta nova aventura musical nace tras o encargo a Carlos Núñez, por parte dunha compañía marítima británica dunha banda sonora coa que celebrar o seu primeiro medio século de operacións.
Maxia, música clásica e monólogos para a última semana do ano. Primeiro será, os días 26 e 27, o VII Galicia Magic Fest co ilusionista pontevedrés Pedro Volta. Un día despois será a quenda do Concerto Extraordinario de Nadal da Orquestra Clásica de Vigo. Con Esfínter 3, o Teatro Afundación pecha a súa tempada 2023. Para despedir o ano con moitas risas.