O Teatro Afundación inaugura a súa programación dramática de xuño con O mundo está roto, pero pódese camiñar
O mundo está roto, pero pódese camiñar é a historia dunha nena de dez anos que sufriu unha perda horrorosa, a morte da súa nai, que a mergulla nunha tristura abafante. O seu pai, preocupado, argalla un pequeno xogo que a anime a saír, a coñecer e a investigar, e cada día lle envía mensaxes en avións de papel con pequenas tarefas cotiás, como, por exemplo, devolver un libro á biblioteca. E será precisamente os libros os que lle abran unha ventá a un mundo novo de fantasía e de relacións, no que a amizade coa bibliotecaria cobrará un protagonismo extraordinario que lle cambiará a vida. O espectáculo é para todos os públicos e poderase ver o vindeiro domingo 2 de xuño ás 12.00 h. O acceso será mediante doazón de alimentos non perecedoiros que irán destinados ao Banco de Alimentos, pero é preciso retirar un convite na web Ataquilla.com.
O mundo está roto pero pódese camiñar é unha coprodución de tres compañías, a vasca Tanttaka Teatroa, a galega Contraproducións e mais a valenciana Albena Teatre e con texto orixinal de Harkaitz Cano. Represéntase, en función do lugar no que estean, en calquera das catro linguas de España. Dirixe o espectáculo Fernando Bernués, en cuxa traxectoria de 40 anos con Tanttaka Teatroa, se encontran obras tan recoñecidas como El florido pensil ou Novecento. A versión en galego é do autor, director e actor vigués Cándido Pazó.
A programación dramática do Teatro Afundación no mes de xuño complétana Poncia, protagonizada por Lolita Flores (5 de xuño) e ¿Buscas pareja? Speed Dating (8 de xuño). Ademais, o público vigués poderá asistir aos monólogos de Daniel Fernández (7 de xuño); Miguel Lago (14 de xuño) e Luis Chating (22 de xuño).