O psicólogo Rafael Santandreu impartirá dúas charlas na Sede de Afundación en Santiago sobre «a arte de non amargarse»
El arte de no amargarse la vida é o título dun dos libros do psicólogo e divulgador Rafael Santandreu. A obra é un éxito nacional e internacional desde hai anos pola súa influencia e número de lectores. Nela, Santandreu explica como cada persoa pode abordar e xestionar as súas emocións. Tamén achega claves sobre o cambio psicolóxico e a transformación persoal. A arte de non amargarse é tamén o título das dúas conferencias que Rafael Santandreu manterá na Sede de Afundación de Santiago de Compostela o xoves 25 de abril. A primeira será ás 11.00 h, só para a comunidade escolar. Xa ás 19 horas, haberá unha segunda sesión aberta para o público en xeral.
O ciclo «Educación século XXI» que desde 2016 impulsa a Obra Social de ABANCA, está orientado a reflexionar sobre os retos que se atopan familias e docentes na educación actual. Con esta iniciativa, Afundación pretende impulsar o diálogo entre a comunidade educativa e especialistas en diversas materias.
As dúas conferencias con Rafael Santandreu programadas en Compostela no marco do ciclo «Educación século XXI» serán de carácter gratuíto. Para acceder á sesión matutina, os centros educativos poden rexistrarse a través da web de Afundación. As inscricións gratuítas para a sesión aberta das 19 horas deben realizarse en Ataquilla.com. Esta última sesión tamén será retransmitida en directo a través de Afundacion.TV.
Rafael Santandreu
Rafael Santandreu (Barcelona, 1969) é psicólogo e autor de libros súper vendas que foron traducidos a máis de 20 linguas. Foi profesor en diferentes universidades e agora dirixe o Centro de Terapia Breve, con sedes en Madrid, Barcelona e Sevilla.
Defende Santandreu que co adestramento axeitado as persoas poden pasar de ser nerviosas a tranquilas, de tímidas a extravertidas, de medorentas a despreocupadas… Nas súas conferencias, explicará as bases da psicoloxía cognitivo-condutual, a forma de terapia máis eficaz segundo todos os estudos, que millóns de persoas levaron a cabo con éxito.
«Educación século XXI»
O ciclo de conferencias «Educación século XXI» é xa un marco de referencia para todas as persoas integrantes da comunidade educativa. Desde o seu inicio, en 2016, desenvolvéronse máis de 100 conferencias con figuras de prestixio como Javier Urra, José Antonio Mariña, Irene Villa, Anna Sans, Susana Rodríguez Gacio, Iñaki Zubizarreta, Rafael Guerrero, Teresa Vello, César Bona, David Cale, Ángel Carracedo, David Bueno, Belén Colomina, Antonio Vázquez Taín, Margarita Pino, José Torres, Ousman Umar, Manuel Isorna, O Langui, Concha Monxe ou Patricia Gómez, entre outros.
Todos os contidos están accesibles tamén en diferido no menú á carta de Afundación TV, co obxectivo de que estean ao alcance de toda a poboación.
As actividades de «Educación século XXI» son tamén parte do programa «Cultura por alimentos», promovido pola Obra Social de ABANCA e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas asistentes poderán doar alimentos non perecedoiros ao chegar ao evento. Na entrada, na Sede de Afundación, haberá contedores para recoller as doazóns. FESBAL fará chegar os alimentos recibidos a persoas e familias en risco de vulnerabilidade en Compostela e a súa zona de influencia.