O proxecto «A vida lenta» revisa as memorias e ritmos do rural galego, na Sede Afundación Ferrol
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presentará hoxe na súa Sede Afundación Ferrol un proxecto expositivo interdisciplinar mediante o que reflexiona sobre as formas de vida vencelladas ao rural galego, a súa iconografía e a súa presenza na cultura contemporánea. Da man de Aser Álvarez, director, guionista e produtor galego, «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», conxuga fotografías, pezas audiovisuais, poesía e música nun evento pensado como recoñecemento a unha realidade esencial para a conformación da identidade en Galicia. O comisario conducirá esta tarde a visita inaugural ás 19.00 h. A inscrición para participar nela pódese formalizar aquí.
Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitaren a exposición.
As imaxes desta mostra están dispoñibles aquí.
A exposición conta con valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos sobre o rural galego desde 1930 ata finais do século XX: a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Cada un deles achega unha perspectiva diferente sobre unha mesma realidade, e é esta diversidade de perspectivas a que favorece unha precisa análise sobre as representacións do rural, aquelas que foron constituíndo, tamén lentamente, o imaxinario colectivo.
A mostra presenta tamén versos creados por algúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Medos Romero, Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, co obxectivo de reflexionar sobre a presenza da natureza na cultura contemporánea. A banda sonora da mostra, unha creación de Moisés Quintás, recrea o chiar dos carros, o ouvear dos lobos, o xirar das rodas de muíño ou o cravuñar das gadañas.
Con esta iniciativa, Galicia convértese na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Esta exposición desenvólvese nunha conxuntura en que a preocupación pola conciliación persoal, a convivencia co medio natural e a análise dos nosos ritmos vitais está a experimentar unha reflexión intensa a consecuencia da pandemia. A teor deste contexto, o traslado ao rural ou a núcleos de poboación máis reducidos preséntase como un garante de calidade de vida. O que noutrora fora deostado como antítese do progreso, contémplase agora como posible solución dos desequilibrios de demografía territorial.
A mostra complétase con actividades online e convidados de primeira liña, que desenvolven a creación contemporánea e de vangarda desde un forte compromiso co rural e que inspiran un necesario debate sobre a súa situación actual e as súas opcións de futuro. Algunhas das persoas participantes nestas actividades son, entre outras, o premiadísimo cineasta Óliver Laxe, que está a traballar nun centro de desenvolvemento rural na aldea luguesa onde filmou O que arde; Elena Ferro, zoqueira de Vila de Cruces de terceira xeración; ou o chef Javier Olleros, á fronte do restaurante Culler de pau, que conta con dúas estrelas Michelin.
Por outra banda, e co fin de seguir achegando a cultura e o valor do coñecemento do patrimonio entre a rapazada, Afundación deseñou unha completa programación didáctica para escolares, desde infantil ata bacharelato e ciclos formativos.
A mostra estará aberta ata o 20 de abril na Sede Afundación Ferrol de luns a venres de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 19.00 h. Os domingos e festivos estará pechada.