O Premio de Poesía Afundación, un dos mellor dotados do ámbito literario galego, resolverase neste mes
Neste mes resolverase a vixésima segunda edición do Premio de Poesía Afundación que, co obxectivo de promover o uso da lingua galega na creación poética, convocan Afundación, a Obra Social de ABANCA, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e o Centro Pen de Galicia. Un total de 32 poemarios concorren a esta nova convocatoria, na que o xurado conformado por Luís G. Tosar, Xabier Castro Martínez, Héitor Mera, Inma López Silva e M.ª Neves Soutelo deberá escoller o novo gañador que recibirá un premio que, este ano, ascende aos 7000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro Pen de Galicia e Afundación.
A HISTORIA DO PREMIO
O galardón nace no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación co obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética en galego e continuar o enriquecemento da creación cultura galega actual.
No seu elenco de gañadores figuran poetas como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello e Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez, Medos Romero, Ledicia Costas ou Rafael Vilar, gañador da pasada convocatoria.
Esta edición número vinte e dous conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, ao tempo que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro Pen de Galicia, tras máis de dúas décadas de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan traballando por un xénero indispensable na renovación estética e para a normalización da lingua galega.