El Langui falará en Afundación da capacidade de superación ante situacións adversas
O vindeiro mércores 19 de abril, ás 11.30 h, para escolares, e ás 19.00 h para familias e profesorado, o Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela acollerá dúas conferencias do polifacético artista El Langui, e ambas levan por título «A min non me digas que non se pode». A reserva de invitacións para a charla para público adulto pódese formalizar a través de Ataquilla.com. O evento será retransmitido en directo a través de Afundación TV.
Esta actividade enmárcase na campaña «Cultura por alimentos», promovida por Afundación en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Así, o acceso será a cambio da doazón de alimentos non perecedoiros, que se depositarán nos contedores habilitados para o efecto na sede.
As imaxes están dispoñibles aquí.
O ciclo de conferencias Educación Século XXI é xa un marco de referencia de encontro para todas as persoas integrantes da comunidade educativa. Neste sentido, ademais de contar con numerosos relatores de prestixio que abordan cuestións innovadoras no ámbito pedagóxico, Afundación quere poñer o foco tamén sobre a importancia dunha educación na que os valores éticos sexan a pedra angular. Para iso, a entidade considera que un dos temas prioritarios é a difusión e a concienciación sobre a necesidade de fomentar o respecto desde a infancia e mocidade, poñendo en valor a importancia da saúde emocional para este proceso de convivencia.