O I Premio Internacional Afundación de Investigación Educativa distingue a Robert F. Arnove
«Como pode un novo talento converterse en talento de clase mundial?». É a pregunta á que responde o catedrático emérito da Universidade de Indiana Robert F. Arnove en El talento abunda, o seu libro máis recente en español. Arnove, un dos máis reputados expertos en educación comparada a nivel mundial, recollerá o vindeiro martes 11 de xuño, no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela (praza de Cervantes, 18) o I Premio Internacional Afundación de Investigación Educativa, un galardón que lle outorgou por unanimidade o xurado entre un total de 111 candidaturas presentadas.
Na primeira parte deste evento, e precedendo á entrega do premio, desenvolverase unha mesa redonda sobre educación comparada, na que participará o propio Robert F. Arnove, que estará acompañado polos expertos Mariano Fernández Enguita, da Universidad Complutense de Madrid, e Luis Miguel Lázaro Lorente, da Universidad de Valencia. O catedrático de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Santiago (USC) Miguel Ángel Santos Rego exercerá de moderador.
Na segunda parte, a cerimonia de entrega propiamente dita, participarán Simona Popa, responsable de Creación e Xestión do Coñecemento da Oficina Internacional de Educación da UNESCO, e Martín Aiello, profesor e investigador d Universidad de Palermo e da Universidad de Tres de Febrero de Arxentina, e tamén integrante do xurado .
Robert F. Arnove
Robert F. Arnove (Michigan, Estados Unidos, 1959) é doutor en Desenvolvemento Internacional Social e da Educación pola Universidade de Stanford, na que tamén impartiu clases. Leva décadas dedicado á socioloxía da educación e colaborou con universidades e gobernos de diferentes países. Foi presidente da Asociación de Educación Internacional e Comparada de Estados Unidos, da que é membro honorario polas súas contribucións ao estudo da educación e os sistemas educativos.
Premio Internacional Afundación de Investigación Educativa
O Premio Internacional Afundación de Investigación Educativa, un galardón desenvolvido desde Galicia e con carácter global, recoñece a traxectoria de persoas destacadas polas súas achegas á investigación en educación en calquera dos seus niveis, dimensións ou modalidades. De convocatoria bienal, está dotado con 12 000 euros, aos que optarán as persoas concorrentes, cuxas candidaturas deben ser presentadas por entidades ou organizacións do ámbito educativo.