
«Imaxinaria» proxectará en Afundación o filme de animación máis antigo que se conserva, da realizadora Lotte Reinigier, de 1926
O Festival Internacional de Animación «Imaxinaria», que promove e acolle Afundación, a Obra Social de ABANCA, na Coruña do 10 ao 14 de maio, revisita a obra de dúas grandes creadoras de filmes de animación. Desde o mesmo nacemento do medio, ata a actualidade. Trátase, por unha parte, do cinema da directora alemá Lotte Reinigier, pioneira da animación e autora da longametraxe máis antiga que se conserva: As aventuras do príncipe Achmed, de 1926.
O material audiovisual está dispoñible aquí.
Pola outra banda, a sección «Compromiso social na animación» homenaxea a traxectoria da realizadora vasca Isabel Herguera, quen proxectará na Coruña fragmentos do filme que xurdiu do seu traballo con mulleres da India.
«Imaxinaria» vén xerar un espazo en Galicia para o encontro, a divulgación e a proxección para o sector da animación a nivel galego, nacional e internacional. O evento diríxeno o premiado realizador galego Alberto Vázquez, que acaba de recibir o cuarto Premio Goya que obtén polo seu traballo, e mais a comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (Miic), Matilde Rodríguez. O festival é un proxecto de especial interese para Afundación pola súa capacidade para contribuír a dar pulo ao creativo e innovador sector da animación en Galicia.
A programación de «Imaxinaria» estrutúrase arredor dunha sección de curtametraxes internacionais a concurso e unha selección de longametraxes destacadas, ofrecendo actividades paralelas tanto para os profesionais do sector coma do público xeral. Inclúe, ademais, diferentes actividades pensadas para a infancia. A creación de público, en liña co traballo que desenvolve Afundación nos seus ámbitos de actuación, é un dos obxectivos do grande evento do cinema de animación en Galicia, a comunidade autónoma de España cuxo sector de animación obtivo máis recoñecementos nos Premios Goya nos últimos anos.
«Na retina»
A sección «Na retina» homenaxeará en cada edición do Festival a traxectoria dunha autora ou autor clásico do cinema de animación. Nesta primeira edición, «Na retina» levará o público á orixe mesma das películas de animación. A través da técnica de animación con siluetas, construídas empregando miles de recortes de papel, Lotte Reiniger creou en 1926 As aventuras do príncipe Achmed. Trátase da película de animación máis antiga que se conserva e unha das tres máis antigas nunca feitas.
A proxección de As aventuras do príncipe Achmed farase con música en vivo, como se proxectaba no pasado, xa que a música é parte fundamental do filme. A banda sonora será interpretada polo quinteto galego Casperveck.
«Imaxinaria» completa a homenaxe a Lotte Reinigier cun obradoiro familiar de animación con siluetas impartido por Montse PIñeiro, onde tamén se fará un repaso ás curtametraxes feitas pola realizadora a partir de clásicos da literatura universal.
«Compromiso social na animación»
Cada ano, o festival recoñecerá tamén a traxectoria dun ou dunha cineasta que, a través do seu traballo, denuncia a situación de colectivos vulnerables ou desfavorecidos. Nesta primeira edición, o festival dedícalle a sección «Compromiso social na animación» á realizadora Isabel Herguera (Donosti, 1961), programando, tamén, unha retrospectiva coas súas curtametraxes.
Animadora, produtora e directora, Herguera obtivo na súa traxectoria recoñecementos de entidades coma Unicef e desenvolve tamén unha intensa actividade de investigación e de formación no País Vasco, Alemaña, China e India. Neste último país foi onde comezou a desenvolver o seu novo filme: O sono da sultá. Unha película que ten como xermolo o traballo con diversos grupos de mulleres na India, inspirándose no clásico homónimo da literatura de ciencia ficción feminista.
Herguera recibirá na gala de clausura do Festival o premio «Compromiso social na animación». Ademais, dará unha clase maxistral na que presentará algúns adiantos do seu novo proxecto.