O Espazo +60 Afundación de Pontevedra entrega a recadación da súa tenda solidaria ao Comedor de San Francisco
Durante todo o ano comparten horas, coñecementos e aprendizaxes nos obradoiros do Espazo +60 de Afundación en Pontevedra. E no mes de decembro promoven unha tenda solidaria. A pasada semana entregaron a recadación íntegra, 850 €, ao Comedor de San Francisco.
Na iniciativa participan 18 persoas voluntarias de Pontevedra, de entre 62 e 79 anos. No seu obradoiro solidario elaboran amigurumis, pequenas figuras, de animais case sempre, tecidas con ganchillo ou como crochet. A monitora desta técnica que procede de Xapón, tamén voluntaria, é a mestra Alcira García Vidal.
Persoas maiores activas
Os obradoiros e os mercados forman parte do programa «O valor da experiencia» da Obra Social de ABANCA, que ten como obxectivo ofrecer novas oportunidades de participación para aproveitar o talento e a experiencia persoal e profesional das persoas maiores ao servizo da sociedade en diferentes ámbitos. As persoas socias dos espazos +60 de Afundación poden participar en actividades de voluntariado interxeracional, cultural e educativo, voluntariado social e comunitario e voluntariado ambiental.
150 persoas voluntarias promoven, con Afundación, un total de 5 mercados solidarios en toda Galicia neste mes de nadal nas localidades de Ourense, Betanzos, Pontevedra, Ferrol e Viveiro. En cada unha das tendas venden os produtos que producen artesanalmente todo o ano nos obradoiros da Obra Social de ABANCA.
Hai un vídeo de edicións anteriores desta iniciativa en Pontevedra en Afundacion.TV
Imaxe das voluntarias de Pontevedra e tenda solidaria de 2024 nesta ligazón