O Espazo +60 Afundación da Coruña inaugura a súa tradicional tenda solidaria en favor de ADACECO
O Espazo +60 Afundación da Coruña inaugurará mañá martes, 7 de maio ás 17.30 h a súa tradicional «Tenda solidaria». O obxectivo é recadar fondos para a Asociación de Dano Cerebral Adquirido (ADACECO), unha entidade sen ánimo de lucro que traballa de forma integral para as persoas afectadas e as súas familias.
Os produtos que se poden comprar na tenda solidaria, que estará aberta ata o vindeiro 30 de maio en horario de luns a venres de 11.00 a 13.00 h e de 17.00 a 20.00 h, foron elaborados por persoas voluntarias participantes no «Taller solidario» que se promove durante todo o ano no Espazo+60 da Coruña, dirixido pola socia voluntaria Loli Rodríguez Martínez. No mercado poderanse atopar traballos de artesanía e bixutería, desde roupa infantil a manteis, bolsos e bolsas, bonecos, xerseis, toallas bordadas ou con encaixe de Camariñas etc.
O taller solidario, promovido polo Espazo+60 de Afundación da Coruña coa participación de persoas socias, desenvólvese no marco do programa «O valor da experiencia» da área de Maiores da Obra social de ABANCA, que ten como obxectivo potenciar o papel activo dos maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades interxeracionais e de voluntariado. A actividade ten tamén como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación á vez que fomenta a solidariedade e a cooperación entre as persoas participantes.
ADACECO
A Asociación de Dano Cerebral Adquirido (ADACECO), creada no ano 2000 por persoas afectadas e as súas familias, é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa de maneira integral por e para as persoas afectadas por unha lesión nas estruturas cerebrais cuxo orixe non é hereditario nin dexenerativo senón que é produto dun dano cerebral súbito (ictus, accidente cardiovascular, falta de osíxeno no cerebro…). O fin desta asociación é contribuír a mellorar a súa calidade de vida a través dunha atención interdisciplinar, con servizos de neurorrehabilitación especializados, personalizados e adaptados ás súas necesidades e expectativas.