
O Espazo +60 Afundación da Coruña entrega a recadación do seu mercado solidario a Curemos el Párkinson
23.03.2022. As persoas socias do Espazo +60 da Coruña de Afundación, a Obra Social de ABANCA, puxeron en marcha unha tenda solidaria cuxos beneficios, un total de 6000 euros, se destinarán á Asociación Curemos el Párkinson. Mañá, xoves 24 de marzo, ás 17.30 h farase entrega do cheque correspondente destinado á Fundación Curemos el Párkinson nun acto no que participarán María Calvo, coordinadora do Espazo +60 Afundación A Coruña; Loli Rodríguez Martínez, coordinadora do obradoiro de persoas colaboradoras; Alberto Amil, presidente da Fundación Curemos el Párkinson; e Francisco Doblas, director da Fundación Española de Ayuda en la Investigación del Párkinson, no Espazo +60 Afundación da Coruña (rúa Alta, 7).
As imaxes están dispoñibles aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1m2fQumuTglwzTDVrfD32fjI2iYc8-aEI?usp=sharing
Os produtos que se poden mercar na tenda solidaria foron elaborados por persoas voluntarias do Espazo +60 da Coruña participantes no «Taller solidario». Nestes mercados pódense atopar traballos de artesanía e bixutería, desde roupa infantil a manteis, bolsas de merenda, bonecos de panos bordados ou encaixe de Camariñas. Esta actividade, que neste ano cumpre o seu vixésimo aniversario en funcionamento, ten como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación á vez que fomenta a solidariedade e a cooperación entre os participantes. Nestes vinte anos conseguiu recadar preto de 90.000 euros destinados sempre a fins solidarios, grazas á participación activa de 22 socias e un socio na elaboración de produtos artesanais. Está enmarcada no programa «O valor da experiencia» da Área de Envellecemento Activo, que ten como obxectivo potenciar o papel activo dos maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades de voluntariado.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.