O Coro Princesa de Asturias presentará en Afundación un repertorio de grandes composicións corais para emocionar
Doce composicións para música coral integran o programa do concerto que o Coro Princesa de Asturias dará na Sede Afundación de Pontevedra o vindeiro 3 maio ás 20.30 h. As entradas para público xeral estarán á venda a partir de mañá en Ataquilla.com. A Sociedad Filarmónica de Pontevedra as entregará directamente ás persoas socias.
Durante a sesión musical, organizada en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Pontevedra, o público poderá escoitar dende dous lied compostos por Johannes Brahms a finais do século XIX a outras pezas que xa gozan de recoñecemento internacional e foron escritas por autores que teñen menos de corenta anos. O fío condutor son os sentimentos. Dende o Coro Princesa de Asturias explican que «a través do canto, a humanidade expresou e transmitiu emocións de alegría e tristeza, de esperanza e desalento; exaltou o amor e a natureza. O programa musical do concerto recorre a textos que falan de todos eses sentimentos».
O concerto será un dos dedicados á música clásica que forma parte do programa de Afundación en Pontevedra para os vindeiros meses. A Real Filharmonía de Galicia (15 de marzo) ou a Orquestra Sinfónica de Galicia (17 de maio) darán senllos concertos na sede da Obra Social de ABANCA antes do verán. Espectáculos de ballet clásico – O lago dos cisnes, o 19 de abril– tamén forman parte dunha programación que, no musical, integran outros nomes coma os de Café Quijano, ou concertos tributo a creadores contemporáneos de música popular coma Mecano ou os británicos Dire Straits.
Unha ducia de temas
O programa do concerto do Coro Fundación Princesa de Asturias está composto por unha ducia de temas moi diversos entre si. Dende cancións populares que acadaron fama internacional coma a estadounidense The House of the Rising Sun, ata os lied compostos por Brahms a partir de textos de poetas románticos coma Goethe, ou ás pezas compostas polos autores vascos Xabier Sarasola ou Javier Busto, baseadas en formas musicais máis propias da música sacra.
Obras asinadas por compositores contemporáneos noruegueses coma Kim André Arnesen, Ola Gjeilo ou Trond Kverno; os estadounidenses Jake Runestad (Alleluia) e Daniel Elder (Lullaby); e o vasco Josu Elberdin, completan o programa.
O Coro Princesa de Asturias foi creado pola fundación homónima en 1983. Recoñecido pola Unión Europea en 2007 polo seu traballo a prol da construción comunitaria, as xiras do coro chegan a Europa, América e Oriente Medio. Na súa dilatada traxectoria, colaborou ou compartiu escenario con directores de música coral e con formacións musicais de primeira orde no panorama da música clásica.
O concerto forma parte do programa «Cultura por alimentos», que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL. Os asistentes poderán entregar alimentos non perecedoiros no acceso á Sede Afundación de Pontevedra para a súa distribución ao banco de alimentos local.
Imaxes do Coro Fundación Princesa de Asturias, na seguinte ligazón.