
O Coro Fundación Princesa de Asturias inaugura as citas de maio coa música clásica en Afundación
O Coro Fundación Princesa de Asturias brindará ao público de Pontevedra o primeiro dos catro concertos de música clásica programados na Sede de Afundación na cidade o próximo mes de maio. Será o mércores día 3 ás 20.30 ho. A programación musical da Obra Social de ABANCA continuará despois con dous concertos do ciclo «Do silencio á emoción», nos que a agrupación pontevedresa Camerata Arven aproxima a música ao público de forma didáctica, diferente e amena. Será en dous domingos consecutivos, o 5 e o 12 de maio. O 17 de maio, a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), volve á Sede de Afundación para interpretar El amor brujo, de Manuel de Falla, e a Sinfonietta en Re maior de Ernesto Halffter. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.
A agrupación coral asturiana, con máis de corenta anos de historia, presentará en Pontevedra un programa composto por doce pezas de música polifónica escritas desde finais do século XIX e ata a actualidade. No concerto, que comeza cunha composición do músico guipuzcoano Xabier Sarasola (Beasaín, 1960), poderanse escoitar tamén senllos lied compostos por Johannes Brahms, obras doutros autores contemporáneos noruegueses ou vascos, ou pezas do repertorio popular estadounidense como The House of the Rising Sun. Levará a batuta o director titular do Coro, José Esteban García Miranda. Acompañará as voces, desde o piano, Óscar Camacho Morejón.
«Sentimentos»
O Coro Fundación Princesa de Asturias quere volver sobre os sentimentos con esta proposta. Explican, desde a formación coral, que «a través do canto, a humanidade expresou e transmitiu emocións de alegría e tristeza, de esperanza e desalento; exaltou o amor e a natureza. O programa musical do concerto recorre a textos que falan de todos eses sentimentos».
Creado pola fundación homónima en 1983, o Coro Princesa de Asturias foi premiado pola Unión Europea en 2007 polo seu traballo a favor da construción comunitaria. Na súa dilatada traxectoria, colaborou ou compartiu escenarios con directores de música coral e con formacións musicais de primeira orde no panorama da música clásica.
O concerto do 3 de maio forma parte do programa «Música por alimentos», que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes poderán entregar produtos non perecedoiros no acceso á Sede de Afundación en Pontevedra para a súa distribución entre persoas e familias en risco de exclusión.
Imaxes do Coro Fundación Princesa de Asturias, dispoñibles aquí.