
O Consello Galego de Universidades autoriza as titulacións e másteres oficiais de UIE
10.06.2022. O pleno do Consello Galego de Universidades na súa sesión plenaria celebrada esta mañá autorizou, previa verificación favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), todas as titulacións, catro de grao e dous másteres oficiais que ofrecerá a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) no seu primeiro ano de implantación, así como o proxecto de decreto que autoriza o comezo das súas actividades. Unha reunión na que estiveron presentes o rector de UIE, Miguel Ángel Escotet, e o secretario xeral, Pedro Otero. UIE iniciará a súa andaina o próximo curso 2022-2023 como unha universidade de vangarda, privada e de servizo público, sen ánimo de lucro e comprometida co desenvolvemento sostible da sociedade, da cultura e da economía galega. O prazo de admisión estará aberto ata o vindeiro 31 de xullo, coa posibilidade de ampliación ata o inicio do curso, en función da dispoñibilidade de prazas.
No seu primeiro ano de creación, UIE contará con dúas facultades, Administración de Empresas e Dereito e a de Enxeñería e Tecnoloxía Empresarial. Arrincará con catro graos, que se impartirán simultaneamente nos seus campus da Coruña e Vigo: Enxeñería en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Administración e Dirección de Empresas, e Enxeniería de la Empresa, que se incorpora como novidade no sistema universitario español. Impartirá tamén dous másteres universitarios: Tecnoloxía e Intelixencia de Datos Empresariais e Dirección e Administración de Empresas. UIE incorporará progresivamente en cursos sucesivos, dacordo á prescrición legal, unha nova facultade e titulacións de grao, posgrao e doutoramento, tal e como recolle o seu proxecto global de implantación, cun innovador modelo académico e de ensino-aprendizaxe que combina os sistemas de educación superior europeo (Bolonia) e anglosaxón.
Como un proxecto estratéxico de responsabilidade social corporativa e institucional de ABANCA e Afundación, financiada exclusivamente cos seus propios recursos, os rendementos de UIE reinvestiranse completamente na institución. Así mesmo, UIE destinará a bolsas ata o 15 % dos seus ingresos anuais, dando prioridade a persoas con talento que teñan un baixo nivel de renda.
UN MODELO ACADÉMICO DIFERENCIAL
UIE presenta un modelo de ensino-aprendizaxe centrado no estudante, flexible e personalizado e con titoría e mentorización permanentes. En palabras do seu reitor, Miguel Ángel Escotet, «unha universidade para a innovación, que permita unha vigorosa capacidade de creación, investigación e cambio; unha universidade para o ser humano, centrada nas persoas, orientada a formar knowmads –nómades do coñecemento e a innovación–, que educa para o talento e o talante, fortalecendo os coñecementos, as habilidades e as destrezas, pero sobre todo para aprender máis aló da universidade. O noso primeiro compromiso é co estudante e o seu desenvolvemento integral como persoa e como profesional».
Co valor da experiencia de máis de tres décadas de educación universitaria e executiva a través da escola de negocios IESIDE, nos últimos 5 anos están a alcanzarse cotas de empregabilidade do 94 % para grao e 96 % para posgrao. Seguindo este camiño emprendido e, como unha das primeiras universidades a nivel internacional especializada na empresa, UIE desenvolverá unha estreita colaboración co sector empresarial como parte do proceso educativo. Así mesmo, implantará un prácticum único no sistema universitario español que incorporará un amplo abano de actividades extracurriculares e de aprendizaxe-servizo, con proxectos de servizo comunitario para que os estudantes experimenten o valor da súa contribución persoal a un modelo de sociedade máis sostible.
A internacionalización é un dos seus principios fundacionais. UIE proporcionará ao estudante unha experiencia internacional, bilingüe e multicultural, dentro e fóra da institución. Nos plans de estudos de todos os graos está prevista a mobilidade dos estudantes, ampliando e fortalecendo os convenios con universidades de prestixio, en liña coas xa existentes.
O modelo será flexible e personalizado, con mobilidade entre titulacións, posibilidade de cursar libremente algunhas materias noutros graos de UIE ou doutras institucións recoñecidas, nacionais ou internacionais, ou a implantación dun semestre extraordinario intensivo no verán de carácter opcional para que os estudantes adianten ou recuperen materias e desenvolvan prácticas de educación-traballo. Así mesmo, ao finalizar o primeiro ano académico, os estudantes poderán cambiar de titulación sen prexuízo dos créditos cursados, que serán recoñecidos na titulación de destino. Por outra banda, o sistema de créditos compatibiliza o sistema europeo Bolonia co sistema estadounidense, asiático e anglosaxón.
As imaxes dos campus e logotipo da universidade están dispoñibles na seguinte ligazón:
https://drive.google.com/drive/folders/1WFUs3Go8lXC34b9MCt443ryZE6ccU9Rs?usp=sharing