
O concerto inaugural da xira do vixésimo aniversario de SonDeSeu, no Teatro Afundación Vigo
10.05.2022. Afundación, a Obra Social de ABANCA, acolléra o vindeiro xoves 12 de maio ás 20.30 h, no seu Teatro Afundación Vigo o concerto inaugural da xira do vixésimo aniversario de SonDeSeu. As entradas para este recital, que será en acústico e sen amplificación, están dispoñibles en Ataquilla.com.
SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.
Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz son parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.
SonDeSeu
A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un tramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.
A suma da creatividade colectiva e a posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializáronse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk e eventos singulares como o Libro branco da educación en música tradicional, O canto das Illas, Arraianos ou a Rede Europea de Orquestras Folk ENFO. Estas iniciativas sitúan SonDeSeu como un referente da música galega tanto no país coma noutros puntos da península e de Europa.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.