O ciclo «Educación s. XXI» de Afundación aborda en Pontevedra desde o teatro a saúde mental na comunidade escolar
Mañá martes 7 de maio, en dúas sesións ás 10.15 e ás 12.30 h, estudantes e docentes de ESO e bacharelato de Pontevedra e comarca aproximaranse, desde o teatro, á comprensión dos problemas de saúde mental, á súa prevención, e á empatía con quen os padece. Asistirán á representación dunha obra: Esas cousas marabillosas. E serán partícipes nela, non só público. Serano desde o mesmo momento no que accedan ao patio de butacas da Sede de Afundación en Pontevedra. A Obra Social de ABANCA suma o poder das artes escénicas aos recursos cos que desenvolve o ciclo «Educación s. XXI», dirixido á comunidade educativa. Nesta ocasión faino da man da compañía teatral naronesa Empatía Teatro.
Esas cousas marabillosas é un exitoso monólogo do dramaturgo inglés Duncan Macmillan. A adaptación ao galego interprétaa o publicista e actor Elisardo de la Cruz (A Coruña, 1975). O espectáculo comeza cando o público é recibido polo actor ao entrar á sala. Dálles a benvida, axúdalles a acomodarse, e entrégalles o papel que cada persoa vai xogar no espectáculo. A partir de aí, alumnado e docentes asistirán a unha comedia que trata sobre temas moi serios tales como a saúde mental, a depresión e o suicidio.
Afundación traballa da man da comunidade escolar de toda Galicia no ciclo «Educación s. XXI». Por primeira vez, unha obra teatral súmase ás actividades do ciclo. Con esta iniciativa, a Obra Social de ABANCA innova na forma de aproximarse a un problema, o da saúde mental, que afecta a toda a sociedade e tamén ao ámbito educativo.
«Educación s. XXI»
O ciclo de conferencias «Educación s. XXI», promovido por Afundación, programou máis de 100 conferencias desde 2016 en toda Galicia. Nas súas actividades participa toda a comunidade educativa. Abórdanse diferentes asuntos de alto interese para a educación. En 2023, e dado o incremento de problemas de saúde mental na comunidade escolar rexistrado nos últimos anos, Afundación comezou a incorporar ao ciclo actividades relacionadas co asunto desde diferentes perspectivas. E no ciclo «Educación s. XXI» escoitáronse voces tan relevantes como as de Juan Manuel Montilla, El Langui; a experta en acoso Carmen Cabestany, ou o psicólogo José Luis García, un referente na investigación sobre os efectos negativos do consumo de pornografía en idades temperás.
As conferencias do ciclo «Educación século XXI» poden verse en diferido no menú á carta de Afundación TV. Desde 2016, pasaron polo ciclo relatores de prestixio como Javier Urra, José Antonio Marina, Irene Villa, Anna Sans, Iñaki Zubizarreta, Rafael Guerrero, Teresa Viejo, César Bona, David Calle, Ángel Carracedo, David Bueno, Belén Colomina, Antonio Vázquez Taín, Margarita Pino, José Torres, Ousman Umar, Manuel Isorna ou Patricia Gómez.