O Centro de Formación Profesional de Afundación na Coruña inicia o novo curso coas súas aulas cheas
O Centro de Formación Profesional de Afundación na Coruña, situado na rúa Ribadavia, 4, comezará en setembro un novo curso académico das catro titulacións de grao superior que nel se imparten: Administración e Finanzas, Asistencia á Dirección, Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma e Desenvolvemento de Aplicacións Web. Todas as prazas destes catro ciclos están xa cubertas e con lista de agarda, especialmente significativa nas titulacións relacionadas coa informática.
As imaxes están dispoñibles aquí.
O grao de empregabilidade dos ciclos durante o pasado curso foi especialmente revelador da altísima aceptación da formación profesional no mercado laboral, cunha porcentaxe que rolda o 74 %. Un total de 105 estudantes tiveron a oportunidade de completar a súa formación con prácticas en centros en traballo grazas á colaboración de 62 empresas, que realizaron unha moi boa valoración dos estudantes en prácticas. Ademais, ao ser o centro titular da Carta Erasmus+, alumnado dos distintos ciclos participou en mobilidades de prácticas en Malta e Dublín.
No curso que finalizou organizáronse diversas actividades que complementan a súa oferta académica, como clasificación dos estudantes do Centro de Formación Profesional da Coruña dentro de programa de emprendemento «Inicia» do Concello da Coruña, ademais de accións de voluntariado como as campañas de doazón de sangue, recollida de alimentos ou labores de voluntariado ambiental.
No marco da promoción do coñecemento como un dos motores fundamentais para o pleno desenvolvemento social, Afundación, a Obra Social de ABANCA, incorporou ao seu modelo de educación superior orientado á empresa a divulgación da investigación e da experiencia práctica nos diferentes sectores produtivos. Para iso conta con centros como este, cuxas actividades se desenvolven ao redor deste ámbito académico que, tras adquirir unha gran capacidade de adaptación aos diversos plans educativos implantados ao longo das últimas décadas, redirixíronos a destacar os seus valores de orientación ao mercado laboral.