O Centro de Formación Profesional Afundación A Coruña impartirá en modo concertado o Ciclo Superior de Aplicacións Web
25.06.2020. O Centro de Formación Profesional Afundación da Coruña foi autorizado oficialmente pola Xunta de Galicia para impartir en modo concertado, desde o próximo curso, o novo Ciclo Superior en Desenvolvemento de Aplicacións Web, co cal, a oferta académica se amplía ata catro programas de ciclos superiores. Ademais, con este novo curso refórzase o ensino vinculado con informática e comunicacións, ao sumarse ao Ciclo Superior en Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma. O prazo de inscrición para este novo curso iniciarase hoxe, xoves 25 de xuño, e permanecerá aberto ata o próximo 8 de xullo. As indicacións para tramitar a solicitude de admisión están dispoñibles para a súa consulta aquí.
O novo ciclo formativo centra o seu programa no deseño, desenvolvemento, implementación e mantemento de sitios webs, tanto a parte visible da web, o front end (aprendizaxe de linguaxes de programación como HTML, CSS ou Javascript), como a parte traseira ou back end (PHP, SQL, Ruby, etc).
Pola súa banda, o Ciclo Superior en Desenvolvemento de Aplicacións Mutiplataforma centra o seu itinerario académico no desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles e a implementación de sistemas de xestión empresarial.
Nos últimos anos, co auxe do sector tecnolóxico as titulacións de formación profesional en Desenvolvemento de Aplicacións Web e Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma son altamente demandadas entre os perfís profesionais que necesitan moitas empresas. Ambos os ciclos comparten as materias e contidos do primeiro curso, polo que un estudante que aprobe un destes dous ciclos, poderá completar a súa formación cun segundo curso adicional e obter, así, unha dobre titulación.
O Centro de Formación Profesional Afundación da Coruña
O Centro de Formación Profesional Afundación da Coruña busca contribuír á súa misión e razón de ser: formar estudantes competentes, comprometidos coa súa contorna e flexibles para adaptarse aos cambios do mercado laboral; todo iso, prestando unha profunda atención á innovación, a internacionalización e a sostibilidade mediante unha educación transformadora.
No Centro de Formación Profesional Afundación da Coruña impúlsase a formación profesional como unha opción educativa de alto potencial para a sociedade, xa que, tras máis de cincuenta anos de experiencia na preparación de mandos intermedios, Afundación é recoñecida como institución de referencia neste ámbito. Esta distinción materialízase tanto nun incremento no número de matrículas de ano en ano en ambos centros como na maior e mellor conexión coa contorna empresarial que se dinamiza desde os dous centros e que redunda nun aumento da porcentaxe de empregabilidade dos estudantes.
O modelo educativo implantado no centro caracterízase por promover unha formación integral fundamentada no coñecemento técnico e o crecemento persoal en valores, para o que se fomenta a participación en programas de voluntariado en moi diversos ámbitos sociais. Anímaselles, tamén, a potenciaren o seu espírito emprendedor mediante a organización de concursos e premios que recoñezan o seu enxeño e creatividade. Ademais, Afundación considera a mobilidade, a internacionalización e a aprendizaxe de linguas como uns activos imprescindibles para un mundo global e interconectado como o noso. Os programas Erasmus + e a sección bilingüe con inglés como segunda lingua son dúas das iniciativas máis relevantes de dinamización da mobilidade e da internacionalización dos estudantes.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.