O actor Dani Rovira presentará nun Teatro Afundación abarrotado durante tres días o seu novo show, «Vale la pena»
«Na vida, a pena tamén vale». A frase é unha das que emprega o actor Dani Rovira para presentar o seu novo espectáculo, co que realizará unha estancia de tres días no Teatro Afundación, en Vigo, do 31 de maio ao 2 de xuño. O título da nova creación do cómico non podía ser outro: Vale la pena. Rovira volve a Vigo en clave de humor para falar de cousas moi serias. A sesión do venres 31 de maio será ás 20.30 horas. As da fin de semana, sábado e domingo, ás 18.30 horas. Hai días que apenas quedan entradas. As últimas dispoñibles poden ser adquiridas en Ataquilla.com.
O actor malagueño é, para moitos, o comediante máis importante de España na actualidade. Tras darse a coñecer en programas de televisión e espectáculos teatrais de carácter cómico, alcanzou un grande éxito coa película Ocho apellidos vascos, pola que obtivo o Premio Goya ao Mellor Actor Revelación. Neste 2024, regresa aos teatros cun novo show, Vale la pena, e tras case dez anos cunha intensa actividade en cinema e televisión nos que apenas se subiu aos escenarios para atoparse directamente co público.
Vale a pena é o oitavo dos espectáculos escénicos programados polo Teatro Afundación no mes de maio. E inaugura ademais as funcións de xuño. O público do Teatro Afundación poderá asistir a 6 espectáculos, catro deles en clave de humor.
Dignificar a tristeza
O novo espectáculo de Dani Rovira pon sobre a mesa conceptos como a tristeza, o duelo, ou a pena. Lonxe de estigmatizalos, Rovira trata, durante o espectáculo, de dignificalos e darlles a importancia que teñen nas nosas vidas. Vale la pena ten unha duración de 100 minutos.
O mesmo 2 de xuño, no que Dani Rovira despedirase de Vigo, o Teatro Afundación tamén programa O mundo está roto pero pódese camiñar. Trátase dun espectáculo para o público familiar que conta como un pai consegue axudar á súa filla para saír do trauma que supón a temperá perda da nai. A través dunhas mensaxes enviadas en avións de papel, o pai conseguirá que a menor descubra na biblioteca unha xanela aberta ao mundo. O espectáculo, unha coprodución da compañía galega Contraproducións en colaboración coa vasca Tanttaka Teatroa e a valencia Albena Teatre, será o domingo día 2 de xuño ao mediodía.
Xa o día 5, Lolita Flores dálle vida á criada de Bernarda Alba en Poncia. Entre o 7 e o 22 de xuño, o Teatro Afundación programa catro espectáculos de humor. Tres deles son monólogos.