
Naturnova celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cun mes cheo de actividades
Afundación, a Obra Social de ABANCA, conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra cada ano o 11 de febreiro, cunha programación especial de actividades en Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación en Vigo.
Realizarán unha didáctica específica sobre mulleres científicas, para as que xa se inscribiron preto de 900 asistentes. Nela falarán sobre figuras destacadas como Nzambi Matee, Maude Delap ou Katia Krafft, ou científicas galegas como Minia Manteiga ou Antonia Ferrín. Os participantes realizarán experimentos, actividades interactivas e achegaranse á vida e ao labor científico destas mulleres.
Durante todo o mes mostrarase unha exposición sobre a figura destas mulleres científicas. Poderase visitar tanto no propio centro Naturnova coma en centros escolares.
Finalmente, e tamén tomando como referencia a vida e a obra científica das protagonistas, desde a Área Educativa de Afundación creáronse uns contos que se repartirán entre o público xeral e os centros escolares.
Naturnova, o centro de educación ambiental de Afundación
Naturnova é un Centro Interactivo de Educación Ambiental aberto ao público desde o 5 de xullo de 2003. Trata de presentar de forma clara e resumida o medio ambiente, un mundo repleto de curiosidades, a todas aquelas persoas interesadas en darlle a man a algo tan atractivo como é a Natureza.
O seu principal obxectivo é estimular o coñecemento do mundo e a difusión da súa importancia, co fin de aprender a valoralo, respectalo e querelo. Ofrece ao visitante a posibilidade de gozar de máis de 30 módulos relacionados coa ciencia, o medio ambiente e a sustentabilidade, o espazo e o noso planeta Terra. Entre os módulos pódense ver dinosauros en realidade aumentada, crear paisaxes coa sandbox ou mesmo ver como se forma un tornado. Ademais de penetrar nos fondos mariños galegos dentro do simulador de submarino.
Así, Naturnova permite ao visitante, a través de módulos interactivos, explorar moitos e variados temas dunha forma activa e lúdica. A información preséntase mediante imaxes virtuais, obxectos, olores, recreación de ambientes, mapas… Todo isto axuda a descubrir facilmente o mundo desde o global, ata o máis próximo.