
Afundación leva espectáculos de música, teatro e narración oral a cidades de toda Galicia no Día Mundial da Infancia
Sete espectáculos para familias. En sete auditorios de 7 cidades galegas. E con motivo do Día Mundial da Infancia. Esa é a proposta de Afundación para conmemorar a xornada que Nacións Unidas dedica cada ano para fomentar a fraternidade entre os nenos e as nenas do mundo e promover o seu benestar con actividades sociais e culturais. Haberá música, teatro, narración oral, sorpresas… Os espectáculos celebraranse o vindeiro sábado, día 18, nos auditorios de Afundación en Ourense, Vigo, Pontevedra, Santiago, Lugo e Ferrol. Na Coruña será o domingo 19 tamén na sede herculina da Obra Social de ABANCA.
Os espectáculos, de acceso gratuíto previa reserva sen custo en Ataquilla.com, están vinculados ao programa de Afundación «Cultura por Alimentos». O público, en lugar de abonar unha entrada, entregará antes de acceder ao espectáculo alimentos non perecedoiros que se distribuirán posteriormente a través dos bancos de alimentos locais.
Imaxes nesta ligazón
Música en Ourense, Vigo e Pontevedra
O cantante Magín Blanco protagonizará a celebración de Afundación en Ourense con motivo do Día Mundial da Infancia. O sábado 18, ás 12 do mediodía, presentará no Auditorio da entidade na cidade de As Burgas o seu espectáculo Caderno de cores e cancións. Blanco, cuxa música cantan nas últimas décadas boa parte das nenas e os nenos de Galicia, propón un formato de evento no que os participantes poderán achegarse ao proceso polo que se compón unha canción.
Xa pola tarde, ás 18.30 h, na mesma sede da Obra Social de ABANCA en Ourense, Afundación e a ONG Estudo-Xornalismo Social completarán a conmemoración do Día Mundial da Infancia coa iniciativa Concerto en familia a favor da infancia maltratada acto no que se presentarán distintas investigacións sobre o tema en formato de libro e documental, ás que precederá un recital de piano do dúo musical Pianoma, composto pola pianistas Gema Arias Varela e Vicent Tohier, artistas que colaboran coa ONG.
Mentres tanto, a música chegará a Vigo, Pontevedra e A Coruña da man do xornalista Javier Becerra e a cantante Carolina Rubirosa. O sábado ao mediodía presentarán en directo no Auditorio de Afundación en Vigo o seu espectáculo para familias Isto é rock!. A proposta de espectáculo de Rubirosa e Becerra nace do libro do xornalista que leva o mesmo título. E expón un percorrido, narrado e cantado, pola historia da música popular. Isto é rock! aproxima a nenas e nenos, nun formato deseñado para iso, figuras tan míticas como as dos músicos Chuck Berry, The Beatles, The Supremes, Rolling Stones ou Aretha Franklin.
O espectáculo de Carolina Rubirosa e Javier Becerra poderá ser gozado, na tarde do propio sábado, ás 18 horas, no Auditorio Afundación de Pontevedra. E será o único dos programados para celebrar o Día Mundial da Infancia que se celebre este domingo. O público da Coruña poderá asistir a Isto é rock! o 19 de novembro ao mediodía no Auditorio da Obra Social de ABANCA da cidade.
Narración oral
Neste Día Mundial da Infancia, nos auditorios de Afundación de Lugo, Santiago e Ferrol haberá moito conto. Tanto en Lugo como en Compostela, os espectáculos familiares para celebrar o día serán ao mediodía.
Ao Auditorio de Afundación na cidade lucense chega o 18 de novembro ás 12.00 h A viaxe feliz de Ramón Sanfiz. No espectáculo, un aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da Mariña, dispóñense a percorrer un novo itinerario co seu triciclo e ao atoparse co público cóntalle a historia das súas viaxes. A proposta baséase nas crónicas de viaxes escritas por Francisco Fernández del Riego a través do seu heterónimo Ramón Sanfiz.
Á mesma hora, e no Auditorio Afundación de Santiago de Compostela, nenos e nenas de máis de tres anos poderán divertirse con Estrafalaria, un espectáculo que combina a narración oral coa manipulación de obxectos. O público participa activamente da historia, unha chamada para entender a riqueza da diversidade: os personaxes que protagonizan Estrafalaria son, todos eles, diferentes e peculiares.
Afundación presenta en Ferrol, con motivo do Día Mundial da Infancia, o espectáculo Cavicibai, unha aposta pola narración oral e os xogos con obxectos para os máis pequenos.
Cando conclúa a fin de semana, Afundación terá programado espectáculos conmemorativos do Día Mundial da Infancia en todos os seus auditorios das cidades galegas. Todos eles vinculados ao programa «Cultura por Alimentos», desenvolto en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os alimentos recolleitos serán distribuídos nas zonas próximas ás celebracións dos eventos.