Afundación continúa o seu ciclo de conferencias «Educación século XXI» con David Bueno na Coruña e Ourense
Afundación, a Obra Social de ABANCA, retoma o seu ciclo de conferencias «Educación século XXI» con novos relatores e temas, consolidando así esta firme aposta da entidade pola difusión de modelos formativos diversos, en consonancia cos desafíos e as realidades sociais actuais e creando foros de intercambio de coñecemento que inclúan tanto a docentes como a nais e pais.
As sedes de Afundación na Coruña e Ourense acollerán, o mércores 14 de novembro ás 19.30 h e o xoves 15 de novembro ás 20.00 h, respectivamente, a conferencia do doutor en Bioloxía David Bueno i Torrens, «Educar a través da sorpresa: como aprende o cerebro».
A grande eclosión dos coñecementos en neurociencia das dúas últimas décadas permitiu comezar a entender como o cerebro busca, almacena e xestiona os novos aprendizaxes e as diferentes habilidades cognitivas. Porén, o feito de que decote esta información se presente fragmentada e incompleta favorece a aparición de mitos en torno ao funcionamento do cerebro. Esta conferencia centrarase en dous aspectos fundamentais das aprendizaxes e do desenvolvemento das habilidades cognitivas: a emocións, entre as que cabe destacar a alegría, o pracer e a sorpresa (e, por oposición, o medo), e a socialización, xa que é o principal mecanismo de recompensa e motivación que percibe o cerebro, o que contribúe a forxar as redes neurais. Todo isto levaranos á importancia do traballo cooperativo e das aprendizaxes.
David Bueno i Torrens
David Bueno i Torrens (Barcelona, 1965) é doutor en Bioloxía e profesor e investigador de Xenética na Universitat de Barcelona. A súa traxectoria profesional e académica, centrada na xenética do desenvolvemento e a neurociencia e a súa relación co comportamento humano, desenvolveuse principalmente en Barcelona. Foi tamén investigador na Universidade de Oxford, e realizou estancias na Universidade de Innsbruck (Austria) e o European Molecular Biology Laboratory de Heidelberg (Alemaña). Imparte clases de diversas materias do campo da xenética e publicou uns sesenta artigos científicos en revistas especializadas. É autor de doce libros de divulgación, entre os que destacan, pola temática da conferencia, Educación para una cultura de paz. Una propuesta desde la pedagogía y la neurociencia (Edicions UB, 2014), Cerebroflexia. El arte de construir el cerebro (Plataforma Editorial, 2016) ou Neurociencia para educadores (Octaedro/Rosa Sensat, 2107). Tamén é autor dunha trintena de libros de texto e colabora habitualmente en diferentes medios de comunicación (El Punt Avui, Ara, etc.), onde escribiu máis de 600 artigos. En 2010 gañou o Premio Europeo de Divulgación Científica «Estudi General».
A ÁREA EDUCATIVA DE AFUNDACIÓN, A OBRA SOCIAL DE ABANCA
O obxectivo no campo formativo de Afundación está definido pola vocación ao redor dunha educación comprometida mediante a defensa dun sólido sistema educativo integral. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas de Afundación pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que mesturen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada nena e de cada neno das ferramentas necesarias para perseverar na adquisición da súa autonomía persoal.
As propostas da Área Educativa de Afundación abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.