O programa social de Afundación «Cultura por alimentos» recolleu xa máis de 22 toneladas de produtos
Afundación, a Obra Social de ABANCA, superou, coas últimas entregas aos bancos de alimentos locais, as 22 toneladas de produtos recadados a través do seu programa de innovación social «Cultura por alimentos». No primeiro semestre de 2024 achegáronse aos bancos locais máis de 5000 quilos de alimentos recolleitos nas 160 actividades que se programaron dentro da iniciativa. Grazas á colaboración subscrita con FESBAL, «Cultura por alimentos» traslada desde 2021 a idea de intercambio a todas as actividades culturais de Afundación.
Imaxes do programa, dispoñibles nesta ligazón
Desde a conxunción de cultura e compromiso social, Afundación anima a seguir colaborando coa doazón de alimentos non perecedoiros a todas as persoas participantes nas actividades que a Obra Social de ABANCA organiza nas súas sedes e noutros espazos, como os enmarcados en «Corrente cultural». Así, nas visitas ás exposicións, ás actividades de Naturnova, ás funcións de abono de teatro e música clásica ou aos itinerarios guiados polas mostras, entre outras iniciativas, Afundación alenta a continuar coa doazón de produtos non perecedoiros que se entregan periodicamente aos bancos de alimentos locais.
Outra modalidade de «Cultura por alimentos» consiste en cambiar a entrada a un evento determinado pola doazón en alimentos. Así, Afundación programa durante todo o ano algunhas actividades deseñadas expresamente para servir ao programa «Cultura por alimentos». O ciclo musical de «Butaca de jazz», na Coruña, ou «Do silencio á emoción», en Pontevedra, o Festival Internacional Afundación de Animación, IMAXINARIA, as funcións familiares nas sete cidades galegas con motivo do Día da Infancia, os ciclos de cinema, as visitas guiadas ás exposicións, as conferencias do ciclo «Educación século XXI», o acto de entrega do Premio de Poesía, ou o programa «Quedamos no palco. Quedamos coa clásica» son só algúns dos eventos integrados nesta campaña, que conta cunha extraordinaria resposta do público solidario con esta causa.