«Cultura por alimentos» de Afundación presenta un novo ciclo de cine coa Alianza francesa de Santiago
Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración coa Alianza Francesa de Santiago de Compostela, presenta un novo ciclo de cinema francés, «Pas comme les autres». A actividade enmárcase na iniciativa social «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que pretende levar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. O acceso a cada unha das sesións será a cambio da entrega de produtos non perecedoiros.
Os filmes La page blanche, Trois nuits par semaine, Pétaouchnok, Les Goûts et les couleurs e La petite bande son os escollidos para formar parte do cartel deste ciclo que se desenvolverá do 9 de abril ao 11 de xuño, con proxeccións en versión orixinal subtitulada, ás 19.30 h, na Sede Afundación de Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19).
AS PELÍCULAS
O ciclo inaugurarase o vindeiro martes 9 de abril coa película La page blanche, de Murielle Magellan (2022). Eloïse está sentada soa nun banco en París. Non pode lembrar quen é, de onde vén ou como chegou alí. Ante esta situación decide iniciar unha divertida investigación sobre a súa vida. A amnesia pode ser tamén unha oportunidade para atopar o amor e ata para reinventarse.
O 23 de abril proxectarase Trois nuits par semaine de Florent Gouëlou (2022). Aos seus 29 anos, Baptiste ten a sensación de que non está a facer nada coa súa vida, centrada nun traballo de encargado nuns grandes almacéns e unha vida conxugal desestructurada. Pero ao coñecer a «Cookie Kunty», descobre que hai outros camiños. Coma se se tratara dun feitizo, unha xanela que se abre, Baptiste déixase arrastrar polo camiño noctámbulo do pequeno grupo de drag queens que rodea a Cookie. Un encontro do que nace a oportunidade de iniciar un proxecto fotográfico, a súa verdadeira vocación.
A seguinte película, Pétaouchnok, de *Édouard Deluc (2022), poderase ver o martes 14 de maio. Dous bos amigos, nunha situación precaria e a quen lles acompaña a mala sorte, deciden crear unha empresa que organiza excursións dacabalo nas montañas dos Pireneos franceses, para tentar cambiar a súa pouca fortuna.
Les Goûts et les couleurs, de Michel Leclerc (2022), proxectarase o 28 de maio. Marcia, unha moza cantante, grava un álbum con Daredjane, unha icona do rock dos 70 que morre accidentalmente antes do lanzamento do disco. Marcia enfronta dificultades para obter a aprobación do herdeiro de Daredjane, Anthony, acomodador no mercado dunha pequena cidade, que nunca amou ao seu parente e moito menos á súa música. Entre o bo e o malo, o popular e o chic, a sinceridade e a mentira, os seus dous mundos enfróntanse.
O martes 11 de xuño poderase ver La petite bande, de Pierre Salvadori (2021). Narra a historia de Cat, Fouad, Antoine e Sami, catro adolescentes de 12 anos. Deciden emprender un proxecto: destruír a fábrica que contamina o río do seu pobo desde hai anos. Incorporan ao seu grupo a Aimé, un neno solitario e que sofre acoso escolar. Os cinco novos aprenderán nesta aventura para vivir e loitar xuntos.
Imaxes dos carteis dispoñibles AQUÍ.