
Segunda edición de «Coidar o coidador informal», o innovador ciclo deseñado no marco da Cátedra ABANCA-Afundación/ICADE
O próximo 2 de outubro dará comezo a segunda edición do ciclo «Coidar ao coidador informal», un programa desenvolvido no marco da Cátedra ABANCA-Afundación/ICADE Lonxevidade, economía e sociedade, que dinamizan as tres entidades integrantes. Ata o mes de maio de 2025, dous mércores ao mes, o primeiro e o terceiro, en horario de 10.00 a 12.30 h, poderase participar deste ciclo que se ofrece de maneira gratuíta a todas as persoas interesadas en seguilo que, ademais, poderán facelo tanto en modalidade presencial na Unidade Clínica de Psicoloxía (UNINPSI) da Universidade de Comillas, como en remoto desde o propio domicilio. As inscricións para a próxima sesión pódense formalizar aquí.
«Coidar o coidador informal»
Nestas sesións, dirixidas a coidadores familiares e/ou informais de persoas maiores dependentes, abordaranse os distintos aspectos da atención aos seres queridos cando son maiores e necesitan axuda. Traballaranse aspectos como cal pode ser a evolución da necesidade dos coidados para poder ir anticipándoos, coidados máis sanitarios (coidados posturais, como mobilizar, incontinencia etc.); os posibles sinais de alarma que indican que a situación empeza a exceder a capacidade de actuación de quen coida, estratexias para coidar coidándose (abarcando tanto aspectos emocionais, como de saúde e espirituais); orientacións de como facelo cando os límites da ética e a humanización non son claros; coidar a final da vida e axudar a atopar un sentido e unha gratificación no coidado.
A sesión inaugural do ciclo correrá a cargo da doutora en Psicoloxía e profesora na URJC Lucía Jiménez e presentará as nocións básicas de que significa ser coidadora ou coidador e como se afronta a experiencia de coidar.
O programa completo de «Coidar ao coidador informal» pódese consultar aquí.
Cátedra ABANCA-Afundación/ICADE Lonxevidade, economía e sociedade
O obxectivo da cátedra é constituírse nun foro de estudo, investigación e debate sobre os retos sociais, económicos, sociosanitarios, xurídicos ou tecnolóxicos que xorden nun contexto no que a poboación cada vez vive máis anos, e neste sentido, precisamente, o conselleiro delegado de ABANCA e patrón de Afundación, Francisco Botas, destacou que o apoio de ABANCA e Afundación á cátedra enmárcase no compromiso histórico que manteñen o banco e a súa Obra Social, Afundación, coas persoas maiores. «Sempre consideramos unha prioridade prestar a mellor atención posible a este colectivo. Para iso, adoptamos medidas que facilitan que poidan realizar as súas xestións financeiras, dispoñemos dun amplo catálogo de produtos e servizos que responden as súas demandas e necesidades, impulsamos un plan de formación e capacitación dixital que contribúe a favorecer a súa inclusión e ofrecemos un programa de actividades de lecer e voluntariado que facilitan que poidan vivir dunha maneira plena esta etapa da vida».