Catro concertos organizados por Afundación convidan ao público a achegarse a música clásica de forma amena e diferente
Achegarse á música clásica dunha maneira amena e diferente. Esa é a proposta do ciclo «Do silencio á emoción III», organizado por Afundación no Auditorio da súa Sede de Pontevedra. Os catro concertos que compoñen o ciclo, todos eles a cargo da formación musical Camerata Arven, comezan este venres. Despois chegarán as citas do 25 de abril e o 5 de maio, cun concerto integramente enmarcado en «Cultura por alimentos», cuxa entrada, que se debe reservar en Ataquilla.com, será a cambio da doazón de produtos non perecedoiros. A última sesión do ciclo celebrarase o domingo 12 de maio. As entradas están á disposición do público en Ataquilla.com.
Co proxecto «Do silencio á emoción III», a Obra Social de ABANCA promove a música clásica traballando na consolidación de públicos e na creación doutros novos dun xeito diferente. As barreiras entre o público e os artistas desaparecen nesta serie de concertos. Ferramentas coma a maxia ou a narración oral serán parte das presentacións da segunda metade do ciclo. Ademais, ao comezo de cada sesión, os asistentes poden coñecer máis sobre a historia do repertorio en base a un relato ameno e dinámico. O público poderá facer preguntas. E, xa entón, comeza a música.
As imaxes da presentación están dispoñibles AQUÍ
Venres 22 de marzo
Camerata Arven é unha formación integrada por músicos afincados na zona de Pontevedra. Traballan para fomentar o interese pola música de cámara. Colaboran ademais, con artistas locais doutras disciplinas: danza, artes plásticas, teatro, etc. Suman creatividade e recursos para mellorar a experiencia, e a inmersión na música, por parte do público.
Este venres, 22 de marzo, a formación pontevedresa presenta dúas obras para nove instrumentos. Ambas son exemplos notables da música de cámara escrita no século XIX. O uso dos nove instrumentos permite ao compositor explorar unha combinación única de timbres e texturas, aproveitando a riqueza sonora que resulta da diversidade instrumental.
O concerto comezará co Noneto en Mib M op. 38 da compositora francesa Louise Farrenc, tamén primeira muller que foi profesora de piano no Conservatorio de París. O Noneto en Mib M op. 38 é unha mestura de técnica e sensibilidade emocional, con liñas coidadosamente escritas para cada instrumento.
O Noneto en fa maior do compositor e director alemán Franz Lachner, completa o programa. É un excelente exemplo de virtuosismo para equilibrar as diferentes voces da formación instrumental de nove membros, creando unha obra chea de vitalidade e cor.
Schubert, maxia, Brais González
O ciclo «Do silencio á emoción III» continuará con música de Franz Schubert. Será o día 25 abril, cun concerto cunha soa peza no seu programa: o Octeto en Fa maior D. 803.
Nos dous concertos que compoñen a segunda metade do ciclo, as artes escénicas terán un protagonismo especial. O 5 de maio, o público do Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra terá unha tarefa mentres desfruta da inmersión na música. E poderá desenvolvela da man da maxia e da comedia. Deberán colaborar na procura das probas da existencia dunha pantasma que leva décadas coándose nos concertos para esvaerse logo de escoitalos.
Unha semana despois, o 12 de maio, a mestizaxe será entre música e tradición oral. A interpretación da composición feita polo músico Brais González sobre a lenda da Cerva Branca, dos Ancares (Lugo) mesturarase con outros relatos da zona contados por dous narradores e co uso de imaxes de apoio.
«Cultura por alimentos»
O ciclo «Do silencio á emoción III» forma parte do programa «Cultura por alimentos», que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos concertos poderán entregar alimentos non perecedoiros no acceso á sede de Afundación en Pontevedra para a súa distribución entre persoas e familias en risco de exclusión.
Imaxe dispoñible nesta ligazón.