Última semana para visitar en Afundación «CROMÁTICA. III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea»
Afundación reabrirá a partir de mañá luns e ata o vindeiro 27 de febreiro a «Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC)», denominada, nesta ocasión, «CROMÁTICA». A exposición recolle o traballo de 19 artistas recoñecidos nacional e internacionalmente tan relevantes como Agathe Storlet —máis de 700.000 seguidores en Instagram—, Coco Davez —incluída en 2019 na lista Under 30 de artistas máis influentes menores de 30 anos da revista internacional Forbes— ou Conrad Roset —creador do multipremiado videoxogo español GRIS—. No contexto galego, algúns dos creadores cuxo traballo se pode contemplar nesta mostra son David Méndez Alonso, quen, ademais de contar coa súa propia marca, colabora con grandes marcas e compañías de todo o mundo; ou Abi Castillo, unha das artistas máis aplaudidas do momento e elixida por Inditex para ser parte de «Women in Art».
As imaxes da exposición están dispoñibles aquí
Baixo o comisariado da especialista en ilustración Matilde Rodríguez, a «Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC). Cromática» ofrece unha escolma de pezas que teñen como alicerce da súa creación a ilustración e son elaboradas con moi diferentes técnicas, desde videoxogo, guache, colaxe e cerámica, ata a animación. Toda esta variedade de mecanismos creativos conta, no entanto, cun denominador común: a fragmentación aplicada ao cromatismo, atendendo aos conceptos culturais, estéticos ou emocionais que se pretenden transmitir. Así, o concepto da cor nesta mostra evoca diferentes latitudes, culturas e etnias. Devén, por tanto, nun medio para reflexionar sobre a colectividade, mais con identidade propia, mediante escenas oníricas, abstractas ou de retrato.
Esta terceira edición conta cunha destacada presenza de autoría feminina e consolida a firme vocación internacional e de uso de novas tecnoloxías que se perfilaba nas edicións precedentes. O público ten acceso así mesmo a detallada información de toda a mostra, mediante unha aplicación móbil, desenvolta pola empresa galega Kappowsky S.L, que xeolocaliza na sala a persoa usuaria para lle ir ofrecendo a información das pezas que ten próximas. A aplicación é unha completa guía interactiva que enriquece o percorrido na sala de exposicións con contidos multimedia, información sobre os artistas e ligazóns ás webs dos ilustradores e ilustradoras que participan neste proxecto.
A exposición está tamén dispoñible para visitarse de xeito virtual, desde calquera lugar do mundo, a través da visita 360º, aloxada na web de Afundación, con el obxectivo de facilitar así o acceso á cultura no contexto actual de restricións de aforos e mobilidade.