
Convocado o XXI Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego
Afundación, a Obra Social de ABANCA, abre a convocatoria para concorrer ao XXI Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. A este certame poderanse presentar todos aqueles artigos incluídos no xénero de xornalismo literario ou ben no de artigo de opinión, coa única condición de que só se pode achegar un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas. As bases do premio están dispoñibles aquí e o último día de recepción de textos será o 31 de maio de 2024.
O xurado, formado por profesionais no campo xornalístico, literario e académico, dará a coñecer o seu veredicto na súa reunión correspondente. O galardón está dotado con 10 000 €. Entre os gañadores deste certame podemos sinalar, entre os máis recentes, nomes tan importantes como Manuel Bragado, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, María Varela, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns ou Mar Mato, gañadora da última edición e quen concedeu a Afundación unha entrevista, xa dispoñible en Afundación TV, na que debulla a importancia dos premios como elementos de estabilidade e recoñecemento, os retos do xornalismo, en especial en galego, no contexto contemporáneo, e o determinante papel de Afundación como axente dinamizador da cultura e do coñecemento en Galicia.
O INSPIRADOR DO PREMIO
Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) foi unha das figuras máis queridas e significativas da cultura galega do noso tempo. Ensaísta, narrador, editor, xornalista, pertenceu á promoción de intelectuais que xurdiron ao abeiro do Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. A súa longa obra foi un servizo permanente a Galicia, comprometido cos seus procesos de modernización e reconstrución da súa identidade cultural e política. Foi membro do Partido Galeguista e das Mocidades Galeguistas, animador dos programas en lingua galega na BBC, cofundador da Editorial Galaxia e codirector da revista Grial. Colaborou en moi diversas publicacións periódicas, dentro e fóra de Galicia, e ata finais de 2009 foi director da Biblioteca da Fundación Penzol. Doou a súa obra e o seu patrimonio intelectual á cidade de Vigo, na que residiu desde o ano 1940. O Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa. A figura de Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo, no que dirixiu e animou iniciativas moi diversas.