Continúa a Tempada de Música Clásica no Teatro Afundación Vigo
18.05.2022. Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa coa súa Tempada de Música Clásica organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo. A tempada desenvolverase ata finais de maio no Teatro Afundación de Vigo. Inclúe cinco concertos a cargo da Real Filharmonía de Galicia, baixo as batutas de Joana Carneiro, Lars Vogt, Manuel Hernández-Silva, Simone Menezes e Paul Daniel; tres da Orquesta Sinfónica de Galicia, dirixidos por Stanislav Kochanovsky, Thierry Fischer e Pablo González; e un recital a cargo da Orquesta Barroca de Tenerife, coa dirección de Alfonso Sebastián.
A Real Filharmonía de Galicia, con dirección de Paul Daniel, actuará o 20 de maio ás 20.00 h. O recital, «Unha viaxe fantástica» consistirá na interpretación de pezas de Octavio Vázquez (Ilusións) e de Hector Berlioz (Sinfonía fantástica, op. 14. Episodio da vida dun artista).
Este concerto é parte de «Quedamos no palco, quedamos coa clásica», mediante o cal estudantes de ESO, bacharelato e do Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde estudan cunha bolsa Erasmus 15 mozas ucraínas, poden acceder aos concertos de modo gratuíto. Ademais, e en consonancia coa difusión da cultura que caracteriza a Afundación, as persoas menores de 35 anos poderán comprar as súas entradas media hora antes do recital e na billeteira do teatro a 5 euros.
Ademais, este evento enmárcase no programa «Cultura por alimentos» dinamizado por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Así, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, invita a todas as persoas que asistan ao concerto a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo ao recital coa súa entrada e unha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio centro.
As imaxes están dispoñibles aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1Fy0cYt4NiSFdbcEb-IrK-MhHJs7hQtG1?usp=sharing
Co compromiso de seguir promovendo as actividades culturais como un mecanismo fundamental para o progreso persoal e social, Afundación estableceu un esixente protocolo de medidas que permitan á cidadanía gozar de eventos de primeira orde coas maiores garantías de seguridade sanitaria.
A PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS
Todos os recitais incluídos na Tempada de Música Clásica terán lugar no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ás 20.00 h.
Finalmente, a batuta de Pablo González dirixirá a Orquesta Sinfónica de Galicia, acompañada pola viola de Nils Mönkemeyer, o 26 de maio ás 20.00 h, nun recital de obras de Hector Berlioz (Harold en Italia, op. 16) e Maurice Ravel (Daphnis et Chloé: suite núm. 2).
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.