
Continúa o programa de viaxes da Área de Maiores de Afundación cunha visita á Costa Brava e sur de Francia
Comeza a viaxe á Costa Brava e ao sur de Francia organizada pola Área de Maiores de Afundación. Do 25 ao 30 de setembro, 44 persoas dos Espazos +60 Afundación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela partirán dende o aeroporto de Vigo cara a Barcelona para comezar o percorrido por Girona, Cadaqués, Figueres, Besalú, Beguar, Empuriabrava, Carcassone ou Toulouse. Os viaxeiros e viaxeiras estarán acompañados en todo momento dun guía e dúas persoas do equipo de Afundación. Ademais, en cada un dos lugares aos que cheguen, un guía local recibiraos e axudaralles durante as visitas. Durante o pasado ano, máis de 450 persoas participaron nas expedicións organizadas pola Obra Social de ABANCA.
Todas as viaxes inclúen autobuses desde os Espazos +60 ata o aeroporto, ida e volta, voos con taxas incluídas, hoteis de tres e catro estrelas con pensión completa, guía acompañante e guía local, con audioguías individuais para as visitas, e seguro de viaxe e cancelación.
Envellecemento activo
O prazo para inscribirse neste 2024 no programa Viaxes +60 abriuse o pasado 20 de febreiro e a demanda foi moi elevada. As prazas para algúns destinos esgotáronse en 2 días. Antes de que comezase o verán, os participantes en Viaxes +60 puideron visitar Estremadura e o Val do Jerte, New York, Berlín e Romanía nunha actividade deseñada, tamén, para apoiar a dinamización das relacións entre participantes.
A Área de Maiores de Afundación organiza este programa dende as 11 sedes que a entidade ten en toda Galicia. A actividade forma parte dun conxunto de programas destinados a fomentar a socialización, a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado.
Con vocación inclusiva e innovadora, os programas da Área de Maiores de Afundación deséñase poñendo no centro as persoas maiores para contribuír a erradicar o idadismo, seguir avanzando cara a unha sociedade libre de estereotipos cara ás persoas maiores, e poñer en valor as súas experiencias a través de iniciativas colaborativas e formativas.
A programación céntrase en tres ramas principais: a aprendizaxe permanente, a promoción da saúde física, emocional e relacional, e a contribución social a través do voluntariado.