A Sede de Afundación en Vigo acolle ata setembro 7 congresos sobre criptografía, programación ou cambio climático
Especialistas internacionais en sistemas acuáticos continentais reúnense desde o próximo 23 de xuño, e durante catro días, no XXII Congreso da Asociación Ibérica de Limnoloxía. Intercambiarán experiencias e coñecementos relacionados coa mitigación dos efectos do cambio climático en lagos, lagoas, estuarios, ríos ou humidais. Trátase do segundo congreso que acolle a Sede de Afundación neste mes de xuño tras a celebración, en días pasados, do 15º Simposio Nacional de Cirurxía Maior Ambulatoria. Tamén é o segundo dos 7 que se celebrarán no mesmo recinto nos meses de xullo e setembro. Participarán preto de 3.000 especialistas en limnoloxía e medio ambiente, informática, criptografía, ciencias da saúde, ou en pesca e negocio espacial, chegados de todo o mundo.
A cidade de Vigo, e os espazos da Obra Social de ABANCA gañan terreo como opción preferida para a celebración de congresos. A Sede de Afundación acollera en 2023, no mesmo período, 5 congresos, o mesmo número que acollerá este ano só no mes de setembro.
A programación
Do 2 ao 6 de setembro, Vigo será sede da Conferencia Internacional sobre Criptografía Cuántica (QCRYPT 2024). A cita, que alcanza a súa décimo cuarta edición, realizarase por primeira vez en España, organizada pola Universidade de Vigo e a Axencia Galega de Innovación. Vigo é a cidade elixida para un encontro ao que asisten especialistas de todo o mundo e que en anos anteriores celebrouse en cidades como Zúric, Cambridge, Xangai ou Amsterdam.
O VI Congreso de Sociedade Galega de Feridas (SGH) abordará, os días 13 e 14 de setembro, temas de vangarda no ámbito do tratamento de feridas. Haberá relatorios de expertos de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, mesas redondas e talleres prácticos. A SGH é un espazo de encontro de profesionais da medicina, a enfermería e outras áreas profesionais vinculadas á saúde que teñen interese na divulgación da mellor evidencia científica na prevención e tratamento das feridas de difícil cicatrización.
Programación, networking, industria espacial
PulpoCon24 reunirá os días 19, 20 e 21 de setembro de 2024 á comunidade de desenvolvedores informáticos de Galicia e a súa área de influencia mediante charlas e talleres. Relatores nacionais e internacionais axudarán aos asistentes para mellorar nas súas técnicas, arquitecturas e modelos de programación.
Entre os días 25 e 28 de setembro, será tempo da industria espacial. O evento, que acada a súa terceira edición, profundará nas tendencias actuais, proxectos futuros e desafíos da industria e a innovación especial no sector.
O quinto dos congresos que acollerá en setembro a Sede de Afundación, o XI Congreso Internacional Conxemar, reunirá ao redor de 5 mesas redondas aos grandes nomes do sector pesqueiro. Analizarán os retos actuais da industria transformadora e comercializadora de produtos do mar. E tamén o seu compromiso coa sustentabilidade en todas as súas vertentes e desde todos os puntos de vista.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.