A Sede Afundación de Vigo acolle oito congresos entre setembro e decembro
Vigo segue a avanzar coma cidade de congresos. E a Sede de Afundación na cidade é un dos lugares preferidos polos organizadores deste tipo de eventos. O edificio principal da Obra Social de ABANCA en Vigo acollerá entre os meses de setembro e novembro un total de 8 congresos nacionais e internacionais. Sumados aos dous xa celebrados dende a primavera, serán un total de 10 os que se terán celebrado na Sede de Afundación cando remate este ano.
O emblemático edificio no que Afundación ten a súa sede en Vigo, proxectado en 1879 por Jenaro de la Fuente, dispón dun auditorio, sala de conferencias, salas de reunións independentes, un xardín cuberto e espazos de interese para o desenvolvemento de actividades coma concertos. De aí a súa idoneidade para a celebración de congresos. No que vai do presente ano, o edificio xa acolleu reunións de especialistas en limnoloxía, a ciencia que se encarga do estudo dos ambientes acuáticos continentais, ou cirurxía.
Cinco congresos só en setembro
O primeiro dos congresos que se celebrarán na Sede de Afundación logo do verán será a Conferencia Internacional sobre Criptografía Cuántica (QCRYPT 2024). A cita, que alcanza a súa décimo cuarta edición, terá lugar do 2 ao 6 de setembro. Organízana a Universidade de Vigo e a Axencia Galega de Innovación.
O VI Congreso de Sociedad Gallega de Heridas (SGH) abordará, os días 13 e 14 de setembro, temas de vangarda no ámbito do tratamento de feridas. A SGH é un espazo de encontro de profesionais da medicina, a enfermería e outras áreas profesionais vencelladas á saúde que teñen interese na divulgación da mellor evidencia científica na prevención e tratamento das feridas de difícil cicatrización.
O PulpoCon24 volve este ano entre os días 19, 20 e 21 de setembro de 2024. Ten o obxectivo de achegar o movemento crafter e o clean code á comunidade de programadores de Galicia e a súa área de influencia. Relatores e relatoras nacionais e doutros países axudarán ás persoas asistentes a mellorar nas súas técnicas, arquitecturas e modelos de programación.
Do espazo aos mares
New Space España, o evento que reúne aos actores do sector espacial e aos organismos líderes do espazo organizado pola spin off da Universidade de Vigo, Alén Space, acada a súa terceira edición. Será do 25 ao 28 de setembro. Este ano afondará nas tendencias actuais, proxectos futuros e desafíos da industria e a innovación especial no sector.
E, logo do espazo, chegará a quenda do mar. O Congreso Internacional Conxemar-FAO, un dos máis importantes de cantos se celebran en Vigo cada ano, reunirá ao redor de 5 mesas redondas aos grandes nomes do sector pesqueiro. Co-organizado pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, este ano terá por tema central os obxectivos de desenvolvemento sustentable. Será o 30 de setembro.
Xa en outubro, o martes 22, chega o VIII Congreso Empresarial de Empresarias Galicia. Líderes empresariais, emprendedoras, e expertas de diferentes sectores e profesionais compartirán experiencias, explorarán oportunidades e fomentarán a colaboración entre os sectores empresariais máis relevantes de Galicia.
Dous últimos congresos do ano
A XXVIII Reunión da Sociedade Galega de Dor e Coidados Paliativos (SGADOR) e máis o XXVIII Encontro Galego-Portugués de Química completan a programación congresual da Sede de Afundación en Vigo neste 2024.
A reunión da SGADOR, organizada pola Unidade de Dor do CHUVI, celebrarase os días venres 25 e sábado 26 de outubro. Abordará, a través de diferentes conferencias, mesas redondas e grupos de traballo distintos temas arredor da dor crónica e o seu tratamento.
O Encontro Galego-Portugués de Química, que acada a súa vixésimo oitava edición, é un evento de referencia para investigadores e estudantes que traballan nos diferentes campos da química básica e aplicada. Organizado para promover o intercambio científico e tecnolóxico entre investigadores da universidade e da industria en diversos campos da química e enxeñería química, celebrarase entre o 13 e o 15 de novembro. Cando chegue ao seu fin, rematará tamén o calendario de congresos da Sede de Afundación en Vigo para 2024.