O dúo ferrolán Hilda Rock & Álvaro Lamas ofrece un concerto na Sede Afundación de Ferrol
Afundación organizou un ciclo musical conformado por tres concertos que se desenvolverá na súa sede de Ferrol (praza da Constitución, s/n) como complemento á exposición «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación».
Hilda Rock & Álvaro Lamas ofrecerán o segundo concerto desta programación musical mañá venres 15 de decembro, a partir das 20.30 h, no que tocarán ao estilo americano con xéneros como o country, rockabilly ou rock’n’ roll, realizando versións de temas de artistas como Elvis Presley, Nancy Sinatra, Amy Winehouse ou Imelda May.
As entradas para asistir aos concertos están dispoñibles na web Ataquilla.com e inclúen unha visita guiada á exposición. O seguinte recital será o 4 de xaneiro a cargo do proxecto vocal «Concerto tempo».
EXPOSICIÓN «SONORO EMPEÑO. A MÚSICA NAS COLECCIÓNS ABANCA E AFUNDACIÓN»
A través de pezas asinadas por artistas como Menchu Lamas, Eva Carrera, Luis Caruncho, Buciños, Luis Seoane, Elena Gago, Laxeiro, Carlos Maño, Xaime Quesada ou Rafael Úbeda entre outros, esta exposición pretende ilustrar as semellanzas e puntos de encontro entre as artes temporais e as artes espaciais, clasificando as obras seleccionadas en catro seccións que abordan o tema desde diferentes perspectivas.
O primeiro tramo dos catro trata a música como motivo iconográfico, é dicir, mostra a representación visual de escenas ou instrumentos musicais.
A sinestesia, ou a utopía de formular unha pintura auditiva ou unha música visual, aparecen na sigunda sección e na terceira pódese observar a representación pictórica de festas e danzas, presente desde as máis temperás manifestacións artísticas.
Finalmente, a cuarta sección está formada por obras que abordan a música vinculándoa coa infancia, e por tanto, ligándoa con ideas de inocencia, espontaneidade e candidez e instrumentos de timbre doce.
Poderase visitar ata o vindeiro 20 de xaneiro na Sede Afundación de Ferrol.