
Comezan en Afundación as actividades paralelas da tempada lírica enfocadas a levar a ópera a todos os públicos
A Asociación Amigos de la Ópera de A Coruña e Afundación promoven unha nova edición do programa de actividades paralelas da Tempada Lírica, que comezarán mañá na Sede Afundación da Coruña. Ambas as entidades presentarán ata finais do mes de novembro unha proposta que inclúe proxeccións de ópera, conferencias, recitais e unha presentación de libro, que teñen como obxectivo achegar novos enfoques sobre a lírica e o Bel Canto, tanto para persoas que xa coñecen e gozan da ópera como para novos públicos.
Todas as actividades, que serán ás 19.00 h, excepto dúas das proxeccións, que se programaron para as 18.30 h, enmárcanse na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade convida os asistentes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao acudir á actividade.
Imaxes dispoñibles aquí.
Conferencias
A Programación Lírica da Coruña, desenvolvida na Sede Afundación da cidade herculina, comezará mañá, venres 6 de setembro, cunha conferencia ao redor da ópera La bohème, que impartirá a musicóloga e pianista Irene de Juan Bernabéu. Como apaixonada da investigación e a divulgación musical en programas como «Viaxe ao centro da ópera» e «Capriccio», de Radio Clásica, entre outros foros, fará unha aproximación á soada ópera de Puccini, que se representará o 8 e o 10 de setembro no Palacio da Ópera.
A seguinte conferencia será o xoves 26 de setembro, ao redor da ópera L’elisir d’amore, a cargo do catedrático de Música Julián Jesús Pérez A conferencia articúlase ao redor de diversos aspectos relacionados con esta peza, con música de Gaetano Donizetti e libreto de Felice Romani, así como sobre os elementos míticos presentes no texto dramático, os personaxes e a súa estrutura. Contará co apoio visual e auditivo dalgúns fragmentos significativos.
A última das conferencias programouse para o 11 de novembro. O compositor Javier Otero mergullaranos na ópera que será estreada ao día seguinte. Pálido punto azul nace da necesidade de confrontar diferentes expresións artísticas para chegar ao público. Non é o final dun proceso, senón unha xanela aberta a outras formas de pensar, de imaxinar, de facer e de crer, resultado dun proceso artístico enriquecedor, cuxo punto de partida é o equipo formado por artistas complementarios de diferentes disciplinas (música, escena, audiovisual e artes plásticas).
Proxeccións
Como complemento das óperas programadas na tempada e, co obxectivo de achegar ao público a representacións de grandes obras do xénero noutros escenarios, como en tempadas anteriores programouse un ciclo de proxeccións de ópera que terá lugar os días 10 e 17 de outubro (ás 18.30 h) e 8 de novembro, e ás que suma o pase dunha película experimental o día 14 de novembro. Comezará con Manon Lescaut e a gravación realizada en Londres baixo a dirección de Jonathan Kent e coa orquestra e o coro da Royal Opera House. A semana seguinte proxectarase Edgar, gravada no Teatro Real de Turín en 2008, baixo a dirección de Yoram David coa orquestra e coro desa mesma institución e o conservatorio Giuseppe Verdi. O venres 8 de novembro proxectarase A fanciulla do west. Trátase dunha gravación realizada en Tokio en 1963 sobre a obra en tres actos con música de Giacomo Puccini e libreto en italiano de Guelfo Civinini e Carlo Zangarini, baseado nunha peza de David Belasco, e dirixida por Oliviero De Fabritiis, e con NHK Symphony Orchestra e os coros Fujiwara Opera e Nikikai Chorus Group.
No marco das proxeccións, pero á marxe do xénero operístico, será o luns 14 de novembro. Sóhai horizonte é un filme experimental ideado por Juan Vara e que se materializou xunto ao poeta Xavier Seoane e o cineasta Manuel del Río, coa colaboración de nove fotógrafos galegos, un recitador e a participación da Sinfónica de Galicia, que levou a cabo a gravación da banda sonora e do recitador.
Recitais
A programación complétase con dous recitais, o primeiro será o 5 de outubro e estará protagonizado polos estudantes seleccionados para esta convocatoria para o curso internacional de interpretación vocal impartido por Carlos Álvarez. Este concerto é á súa vez unha oportunidade para presentarse ante o público. Unha das persoas será seleccionada polo artista profesor para protagonizar o recital de lírica inclusiva que se realizará o 25 de outubro no centro cívico Labañou. O pianista que acompañará os alumnos é Damiano Cerruti.
E o 20 de novembro celebrarase o recital «Novas voces galegas», que se enmarca no ciclo promovido pola Asociación de Amigos da Ópera da Coruña co fin de abrir espazos para as propostas artísticas de novos talentos para favorecer a construción de lazos máis sólidos entre os artistas e o seu lugar de orixe. Nesta ocasión, o recital estará protagonizado a mezzosoprano Andrea Rey e Aurelio Viribay ao piano.
Presentación de libro
O día 24 de outubro presentarase a edición Historia da zarzuela en viñetas, con Manuel Rajal, autor do libro, dedicado profesionalmente á docencia e sempre vinculado ao mundo artístico, nas súas vertentes plástica e musical, formando parte como percusionista en diferentes grupos musicais. Actualmente no grupo Amizades da Coruña.