
Comeza a venda de abonos para a nova Tempada de Música Clásica de Afundación
Afundación, a Obra Social de ABANCA, pon á venda os abonos para a súa nova Tempada de Música Clásica organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo que se desenvolverá de setembro a decembro no Teatro Afundación de Vigo. Inclúe cinco concertos a cargo da Real Filharmonía de Galicia, a Orquesta Sinfónica de Galicia, a agrupación Al Ayre Español e Vox Stellae Ensemble.
Os abonos, que supoñen un aforro do 20% con respecto ao prezo dos billetes individuais, estarán dispoñibles na Sede Afundación Vigo (rúa de Policarpo Sanz, 26) desde o 27 ata o 29 de xuño en horario de 11.00 h a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h. A partir tamén do 27 de xuño, e ata o 24 de setembro, estarán tamén dispoñibles a través de Ataquilla.com.
A Tempada de Abonos de Clásica está incluída no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos», mediante o cal as persoas que visiten as actividades da Obra Social de ABANCA poden doar alimentos non perecedoiros a xeito de entrada solidaria nos colectores habilitados ao efecto. Esta iniciativa solidaria desenvólvese en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais no labor que desenvolven.
A PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS
Todos os recitais incluídos na Tempada de Música Clásica terán lugar no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ás 20.00 h.
Abrirá a tempada, o 21 de outubro, a Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta de Joana Carneiro, acompañada do acordeón de Helena Sousa.
A Orquesta Sinfónica de Galicia tomará o relevo o 16 de novembro coa dirección e piano de Javier Perianes. O seu programa incluirá dous concertos para piano de Mozart.
O día 23 de novembro retornará a Real Filharmonía de Galicia cun recital dirixido por Paul Daniel e con pianino de Tom Borrow.
A seguir, será a quenda da agrupación Al Ayre Español, o 5 de decembro, cunha selección variada de pezas da autoría de Purcell, Blow, Corelli e Gabrielli.
Para finalizar, o 14 de decembro, Vox Stellae ofrecerá un concerto articulado arredor de vilancicos galegos, na primeira parte, e españois, na segunda.