Comeza a Tempada de Música Clásica de Afundación
Afundación, a Obra Social de ABANCA, dá comezo á súa Tempada de Música Clásica organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo que se desenvolverá ata decembro nol Teatro Afundación de Vigo. Abrirá a tempada, o 18 de outubro, ás 20.00 h, a Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta de Joana Carneiro e acompañada pola frauta de André Cebrián, en cuxo programa se encontran pezas de Mendelssohn, Corigliano e Weinberg. Este recital enmárcase en «Quedamos no palco, quedamos coa clásica», unha iniciativa de Afundación para que estudantes poidan desfrutar da música clásica de maneira gratuíta.
A Tempada de Abonos de Clásica está incluída no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos», mediante o cal as persoas que visiten as actividades da Obra Social de ABANCA poden doar alimentos non perecedoiros a xeito de entrada solidaria nos colectores habilitados ao efecto. Esta iniciativa solidaria desenvólvese en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais no labor que desenvolven.
A PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS
Todos os recitais incluídos na Tempada de Música Clásica terán lugar no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ás 20.00 h.
A agrupación Al Ayre Español, especializada en música antiga, ofrecerá un concerto con Alexis Aguado e Kepa Artetxe nos violíns, Aldo Mata no violonchelo, Xisco Aguiló ao contrabaixo e o órgano de Eduardo López Banzo o 23 de outubro.
Continuará a Orquesta Sinfónica de Galicia o día 26 de outubro cun concerto con obras de F. Chopin con Iván Martín como director e solista.
O día 22 de nocembro retornará a Real Filharmonía de Galicia coa estrea absoluta da obra Schattenhaft de Hugo Gómez-Chao, baixo a dirección de Baldur Brönnimann.
Finalmente, a Orquesta Sinfónica de Galicia poñerá o peche á tempada o 21 de decembro nun recital que contará coa mezzosoprano Lorena Valero baixo a batuta de Cristóbal Soler.