IESIDE clausurou a cuarta edición do seu Diploma Avanzado en Relacións Internacionais
IESIDE clausurou a cuarta edición do seu Diploma Avanzado en Relacións Internacionais, DARI, o primeiro programa español de negocios internacionais de carácter intercultural que se imparte en Galicia. A cerimonia institucional de entrega de diplomas tivo lugar esta mañá na Sede Afundación Pontevedra e contou coa presenza da coordinadora xeral de IESIDE, Beatriz Lorenzo; a coordinadora de Internacionalización de IESIDE, Begoña Jamardo; os 25 estudantes chineses e españois participantes nesta edición; e representantes das empresas colaboradoras desta experiencia de intercambio de coñecemento e de aprendizaxe mutua.
Wangxuan Zhao (Héctor), en representación de todo o grupo de mozas e mozos chineses, fixo fincapé no seu discurso na relevancia dun programa que persegue o coñecemento e o respecto intercultural: «Agora coñecemos moito sobre os costumes e as festas españolas, aprendemos como interactuar máis soltamente cos españois. Exploramos como as empresas aplican o comercio internacional e sabemos como facer presentacións en público con máis confianza, tranquilidade e atracción. O DARI 2019 é unha experiencia inesquecible para cada un de nós». Alba Sánchez Díaz, como representante dos estudantes españois, destacou que «hoxe é un día que marca un antes e un despois nas nosas vidas. Vivimos experiencias e momentos únicos nestes dous meses e aprendido moitas leccións, como que un día malo pode deixar de selo, simplemente depende da túa actitude. Grazas, DARI 2019».
Previamente ao acto de entrega, os estudantes presentaron os proxectos que elaboraron nas empresas nas que realizaron prácticas como parte do seu programa de formación: Paz Rodríguez, Grupo Petramora, CLUN e Grupo Linamar.
O DIPLOMA AVANZADO EN RELACIÓNS INTERNACIONAIS
O DARI é unha acción formativa encadrada no Plan China de IESIDE cuxo obxectivo principal é o de apoiar as empresas galegas na súa entrada e posicionamento no mercado chinés, proporcionándolles profesionais dese país multilingües con formación empresarial, así como o de promocionar o sector turístico galego en China.
Un total de 25 estudantes participarán na edición de 2019, 20 procedentes de UIBE, a Universidade de Economía e Comercio Internacional de Beijing, e 5 estudantes españois de Administración e Dirección de Empresas de IESIDE. O programa, que conclúe mañá, 30 de agosto, forma os estudantes mediante visitas a empresas e institucións, desenvolvemento de proxectos para empresas en equipos multiculturais, perfeccionamento do seu nivel de español e de chinés e a realización de actividades turísticas e de lecer para coñecer Galicia desde unha perspectiva máis amena e diferente.
Este ano o programa arrincará co innovador taller «Traballo en equipo e responsabilidade social» na aula de Cociña de Afundación, na que os estudantes elaborarán xuntos pratos que fusionen as súas dúas culturas e que serán doados ao comedor social da Fundación Casa Caridad de Vigo – Hogar San José.
UIBE
A Universidade de Economía e Comercio Internacional (UIBE), fundada en Beijing no 1951, foi pioneira no seu país ao ofertar graos e programas de máster en inglés. Con máis de 16.000 estudantes, entre os que se atopan 3200 estranxeiros procedentes de máis de 130 países, UIBE é unha universidade multidisciplinar que imparte máis de 50 especialidades nas áreas de comercio internacional e economía, administración comercial, finanzas, linguas estranxeiras aplicadas ao ámbito dos negocios ou dereito internacional.
O pasado mes de maio, unha delegación institucional de IESIDE, encabezada polo seu reitor presidente, Miguel Ángel Escotet, realizou unha visita institucional a Beijing para ampliar o ámbito do convenio subscrito en 2016 con esta universidade, pioneira e líder pola súa especialización no ámbito empresarial e que figura entre as 10 mellores das 2800 do país pola súa calidade e a alta empregabilidade dos seus graduados. Nesta viaxe ampliouse o ámbito do convenio e estableceuse unha nova liña de cooperación coa súa prestixiosa Business School, que goza da tripla coroa de acreditación internacional. O acordo permitirá o desenvolvemento de innovadores programas conxuntos para que os estudantes de UIBE e de IESIDE poidan formarse en ambos os dous países, non só dentro das aulas de ambas as institucións, senón tamén en empresas galegas e chinesas. Este novo proxecto educativo persegue dotar ás empresas dos dous países de talento novo altamente cualificado e con dominio dos idiomas chinés, español e inglés para potenciar a expansión de investimentos empresariais en ambos os territorios.
IESIDE
A educación superior especializada na empresa conta en Galicia con IESIDE como centro de referencia. Avalado por unha traxectoria de 30 anos implementando modelos de ensino baseados na calidade e a innovación, a súa porcentaxe de empregabilidade sitúase no 96% en menos dun ano, un dato determinante para os máis de 60.000 estudantes ao longo da súa historia e para as numerosas empresas do noroeste peninsular que contan con egresados de IESIDE nos seus cadros directivos.
O recoñecemento cara a IESIDE aséntase, entre outros diferenciais, no constante proceso de actualización do ecosistema dixital, que o sitúa á cabeza da implementación de modelos de ensino blended, nos que se combinan os beneficios da presencialidade nas clases cos dos recursos informáticos, que permiten, entre outros moitos avances, videoconferencias interactivas intercampus mediante aulas dotadas con cámaras robotizadas con autotracking, tecnoloxía de recoñecemento facial e sistemas de microfonía de ambiente de última xeración, que sitúan a IESIDE nun lugar destacado da implantación informática. IESIDE consolidou as colaboracións con prestixiosas institucións de educación superior de Europa, Asia e América, entre as que se atopa UIBE, estendendo a internacionalización do proxecto, cun incremento no último curso do 49% no número de estudantes con perfil internacional.