Comeza o ciclo de cine «Mulleres» con 'Tolas de alegría' na Sede Afundación de Vigo
Afundación, a Obra Social de ABANCA, dá comezo ao ciclo de cinema «Mulleres» na súa sede de Vigo (Policarpo Sanz, 24) coa proxección, mañá martes 13 de marzo, a partir das 19.00 h, do filme Tolas de alegría. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade.
Este ciclo de cine é parte da programación que a Obra Social de ABANCA deseñou para conmemorar o Día Internacional da Muller. As vindeiras proxeccións na Sede Afundación de Vigo serán o 20 de marzo con A familia Bélier, o 3 de abril con Sufraxistas e o 10 de abril con As inocentes.
Comedia e drama atópanse en Tolas de alegría, un filme de Paolo Virzì (2016). Beatrice é unha condesa millonaria que no seu momento albergou gran poder e influencia social. Por outra banda, Donatella é unha moza introvertida e de aspecto fráxil. Ambas comparten un pasado tormentoso que fai que terminen nunha institución para tratar enfermidades mentais. Alí coñécense e deciden fuxir do centro, emprendendo así un Thelma e Louise á italiana repleto de sororidade.