Preto de 2500 persoas participaron no Festival Internacional de Cine de Animación de Afundación «Imaxinaria»
Unhas 2500 persoas participaron nas proxeccións, coloquios, clases maxistrais e obradoiros da primeira edición de «Imaxinaria», o Festival de Cine de Animación organizado por Afundación na Coruña entre os pasados 10 e 14 de maio. Trátase de máis de 500 persoas por día. Asistiron a eventos como o pase de cinco longametraxes e 47 curtas a concurso, conferencias, charlas con grandes realizadores ou actividades para público familiar.
Nestas últimas, nas actividades dirixidas ás familias, inscribíronse unhas 700 persoas. Ademais, arredor de 600 menores chegados desde 15 centros educativos da Coruña e a súa área de influencia sumáronse a «Imaxinaria» durante a segunda e a terceira xornadas do Festival.
A aposta polo público infantil é unha das prioridades de «Imaxinaria». Os directores do Festival, o realizador Alberto Vázquez e a xestora cultural Matilde Rodríguez, xunto ao equipo de Afundación, deseñaron o certame coa finalidade de convertelo no punto de encontro anual do cine de animación en Galicia. Pero tamén estableceron entre os seus obxectivos a creación de espectadores. As familias incorporáronse ao proxecto. E tamén a mocidade: o 30% dos que reservaron entradas a través de Ataquilla.com nesta edición debut de «Imaxinaria» teñen menos de 34 anos.
A participación de 600 alumnos e alumnas de infantil e primaria dunha quincena de colexios foi resultado da intervención da Área de Educación de Afundación en «Imaxinaria». A coordinadora de Cultura da Obra Social de ABANCA, Marité Cores, explica que a entidade decidiu «sumar ás capacidades do equipo do Festival as do equipo educativo de Afundación, que tan só o ano pasado organizou actividades presenciais para uns 80.000 nenos e nenas en Galicia». «O resultado, como todo o que ten que ver con esta primeira edición do Festival, foi máis que satisfactorio», afirma.
Público especializado
«Imaxinaria» foi tamén concibido como o espazo de encontro das persoas e equipos que desde Galicia optan por empregar a animación coma linguaxe cinematográfica e artística. De aí a inclusión na súa programación de seccións como «O que está por vir», na que realizadores galegos presentan os proxectos que teñen en marcha. Ou as clases maxistrais de figuras da relevancia do director holandés Michaël Dudok de Wit, tamén Padriño do Festival, e a realizadora donostiarra Isabel Herguera. Preto de 600 persoas se inscribiron nas actividades orientadas ao público profesional.
Campaña «Cultura por Alimentos»
Afundación incluiu a programación de «Imaxinaria» na súa iniciativa solidaria «Cultura por alimentos». Todas as actividades do Festival foron gratuítas. Para acceder, a organización só pediu ao público que deixase alimentos non perecedoiros nos contedores habilitados a tal fin na sede de Afundación na Coruña. Os alimentos achegados polos espectadores de «Imaxinaria» completaron ata 70 caixas contedoras para a súa distribución. Nelas hai, entre moitos outros alimentos, 71 botellas de aceite, 520 latas de conservas e 105 litros de leite. Da súa distribución entre colectivos vulnerables ocuparase o Banco de Alimentos Rías Altas.