A Universidad Pontificia Comillas, Afundación e ABANCA poñen en marcha unha cátedra para estudar os retos da lonxevidade
No último século, a esperanza de vida en España aumentou máis de corenta anos, unha tendencia que se espera siga crecendo ata 2050. Ante esta situación, a Universidade Pontificia Comillas, Afundación e ABANCA acaban de formalizar a creación da nova Cátedra ABANCA-Afundación/ ICADE Lonxevidade, Economía e Sociedade, cuxo obxectivo será o estudo transversal dos retos sociais, económicos, sociosanitarios, xurídicos ou tecnolóxicos que xorden nun contexto no que a poboación cada vez vive máis anos. Desa forma, a cátedra nace coa pretensión de converterse nun foro de estudo, investigación e debate sobre todas as materias que poidan ter unha incidencia nunha mellor comprensión dos retos e oportunidades que como sociedade preséntansenos ante o aumento da lonxevidade.
Durante a sinatura, o reitor da Universidad Pontificia Comillas, Enrique Sanz, insistiu na importancia do acordo para reforzar a investigación que desde a universidade se fai neste ámbito, e continuar co traballo de transferencia e impacto na sociedade. «Non hai dúbida de que o envellecemento da poboación presenta retos para toda a sociedade, que tamén deben abordarse desde a investigación académica e a reflexión universitaria para atopar solucións transformadoras», afirma.
En palabras de Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, «a transformación demográfica sitúanos como sociedade ante un escenario novo e descoñecido, necesitado de respostas en todos os ámbitos: persoal, social, político, económico, educativo, laboral, financeiro. Por iso, este acordo subliña o interese da entidade en mellorar a sociedade, fomentando o seu desenvolvemento integral». Segundo explica, «a atención e o asesoramento aos maiores foi e é unha prioridade para ABANCA, que conta con máis de 555.000 clientes activos de máis de 65 anos, un 30% da súa base de clientes, e ofrece produtos e servizos financeiros e non financeiros, así como programas de dixitalización que proporcionan formación, ferramentas e recursos dixitais á poboación de maior idade».
Para Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, este proxecto encaixa cos obxectivos de Afundación, xa que «buscamos o desenvolvemento integral da sociedade galega dentro e fóra da comunidade de Galicia mediante unha acción educativa, social e cultural; desenvolvendo un modelo de educación superior innovador, de calidade e orientado á empresa; potenciar o papel activo das persoas maiores na sociedade».
A cátedra poñerá en marcha unha liña de investigación sobre lonxevidade, economía e sociedade, organizará seminarios e traballará en conxunción con outras cátedras da Universidade Pontificia Comillas, co obxecto de crear unha rede de coñecemento e estudo máis ampla e dinámica. Así abordaranse os novos ciclos e plans vitais ante a lonxevidade, a calidade de vida e o benestar, a educación ao longo da vida, a economía da lonxevidade ou a cohesión interxeracional, entre outros.