«Castelao grafista (facsímile)» no Café Moderno Afundación en Pontevedra
24.09.2020. Afundación, a Obra Social de ABANCA, acolleu esta mañá a rolda de prensa da exposición «Castelao grafista (facsímile)», desenvolvida en colaboración coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia. No acto estiveron Miguel Fernández Cid, comisario da exposición; Teresa Saiz, directora da Fundación Gonzalo Torrente Ballester; Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia; e M.ª Teresa Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación. Las imágenes están disponibles aquí.
«Castelao grafista (facsímile)» pódese visitar de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e sábados de 11.00 h a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h. Ademais, están previstas visitas guiadas gratuítas para o público xeral os días 1 de outubro, 5 de novembro, 3 de decembro e 7 de xaneiro ás 18.00 e ás 19.30 h para todas aquelas persoas que se inscriban aquí previamente.
«Castelao grafista (facsímile)» é a segunda etapa dun proxecto expositivo máis amplo, froito, inicialmente, da colaboración entre a Fundación Gonzalo Torrente Ballester e a Real Academia Galega de Belas Artes, para promover a difusión e o coñecemento da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en diferentes cidades e países. O Café Moderno Afundación de Pontevedra, onde o intelectual galego adoitaba participar dos faladoiros literarios e políticos alí organizados, abre as súas portas para acoller esta mostra ata o 23 de xaneiro de 2021.
A exposición, comisariada por Miguel Fernández-Cid e con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, no Café Moderno Afundación poderanse ver 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Así mesmo, poderase ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 cubertas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.